CONTRATACIÓN
Rubén Cela propón un contrato plurianual para a iluminación de eventos
O BNG cualifica de “escurantista” a adxudicación da pista de xeo
Non se convidou á oposición á mesa de contratación nin se publicou a oferta na web
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2016.- O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, presentou unha proposta para mellorar os futuros procesos de contratación da iluminación de Nadal, co fin de contribuír a un bo funcionamento.
Rubén Cela defendeu en rolda de prensa que, nos vindeiros anos, para evitar os recentes problemas acontecidos, se realice “unha única licitación para toda a iluminación que teña que ver con eventos festivos, para Nadal, Entroido, festas do Apóstolo e Ascensión, entre outros”. Requiriu tamén que o contrato sexa plurianual e que prime máis a oferta técnica e artística sobre a ponderación da oferta económica.
Ademais, propuxo que o Concello lle presente unha proposta formal ao conxunto da hostalaría e do pequeno comercio de Santiago, “para que esa iniciativa sexa conxunta e tamén o seu financiamento”. Polo tanto, dixo, “que haxa unha achega económica por parte do tecido comercial e hostaleiro de Santiago, sen que diminúa a contía municipal pero que repercuta nunha mellor programación de Nadal”. Para o BNG, tamén é necesario que se tome o acordo de que nos vindeiros anos, a partir do 1 de decembro estea instalada a iluminación de Nadal e o encendido inicial sexa na ponte da Constitución. A maiores, sinalou que é necesario que a inspección técnica non se efectúe a posteriori senón durante a colocación desa iluminación e non só sobre criterios artísticos senón tamén sobre os criterios técnicos e de seguridade.
Pista de xeo
Por outra banda, indicou que, como grupo da oposición, o BNG fai parte das mesas de contratación. “Despois de que quedase deserta a adxudicación da pista de xeo, nos medios de comunicación publicouse que hoxe había unha especie de licitación para adxudicala e xa saía tamén que a ía levar a mesma empresa do ano pasado, mesmo antes de convidar varias como require o procedemento negociado”, advertiu Rubén Cela. “É a primeira vez que hai un amago de licitación na que non están presentes os grupos da oposición e iso nunca pasou, polo menos, na última década; é igual de impresentábel que se incumpra o acordo plenario de publicar estas licitacións no Perfil do Contratante da web municipal”, engadiu. “Como membro da Corporación, non sei en que condicións se adxudicou este contrato, nin se poden consultar na web as condicións da licitación; mais agardamos que non teña que ver con que se cambiaron as condicións dos pregos porque sería grave, quero pensar que non se cambiaron nin o canon, nin os días que teñen que prestar o servizo, nin que hai ningún tipo de prebendas directas ou indirectas, do tipo de pagarlle a luz á empresa privada, porque sería dobremente grave”. “Isto non é admisíbel”, sinalou. Así, referiuse á posibilidade de que estea a facer “unha adxudicación da pista de xeo a dedo e do máis escurantista que se viu neste Concello”, engadiu.