ORZAMENTOS
Cela respóndelle a Noriega que “o BNG non se vai contaxiar da Marea que pactou emendas co PP para tombar o modelo de cidade de Pontevedra”
Empraza a Compostela Aberta “a poñerse a traballar nos Orzamentos do Concello para 2017, dos que aínda non trasladou nin unha soa cifra nin proxecto”
Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2016.- O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, sobre as declaracións do alcalde Martiño Noriega do seu temor ao “efecto contaxio” do acontecido en Pontevedra por non apoiar os Orzamentos do BNG e abocar ao Goberno local á cuestión de confianza, manifestou que “o BNG non se vai contaxiar do que fai a Marea en Pontevedra, como foi pactar emendas co PP ao Orzamento do Goberno municipal do BNG nesa cidade”.
“A Marea pactou emendas con PP, PSOE e C`s para tombar o modelo de cidade do BNG en Pontevedra e impedir que avanzase”, afirmou. Nese sentido, engadiu que o BNG é unha organización política “seria, rigorosa e coherente, entre o que di e o que fai, por iso vai manter unha actitude propositiva e de intentar buscar acordos que beneficien á veciñanza de Santiago de Compostela”.
Ademais, emprazou o alcalde de Santiago e o seu equipo “a poñerse a traballar nos Orzamentos do Concello para 2017, dos que aínda non nos trasladaron nin unha soa cifra nin proxecto cando estamos a piques de acabar o ano”.