TURISMO
Rubén Cela reclama que o debate da taxa turística se enmarque no Plan estratéxico 2017-2022
Santiago ten pendente definir o modelo de turismo, afirma
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, reclamou que o debate da taxa turística se enmarque no Plan estratéxico 2017-2022, para ir da man da Xunta dende o principio. Así, considerou importante o debate aínda que “non é o máis urxente” cando está pendente definir o modelo de turismo, a busca dunha solución á precariedade e á eventualidade profesionais, a desestacionalización da oferta, a excesiva tercialización que leva aparellada a cidade e a saturación da Cidade Histórica.
Para Rubén Cela, débese dar un debate “a fondo, con rigor e seriedade” sobre o estabelecemento da taxa turística “á que o BNG non se opón”. “Non se pode simplificar en termos absolutos de si ou non”, dixo, a resposta depende de interrogantes como para qué, se vai contribuír a restaurar o enlousado, a promoción turística ou gastos xerais; para quén, só pernoctacións en hoteis ou tamén alugueiros; cánto, se vai ser para todos igual; cómo, só de entrada ou tamén de estancia; e cáles poden ser as repercusións sobre o impacto na demanda ou nos estabelecementos ilegais.
Ademais, Rubén Cela cuestionou que o debate sobre a taxa turística se iniciase por parte de Compostela Aberta a raíz dun artigo publicado polo alcalde na prensa local, “como se dun globo sonda se tratase, e sen un apoio técnico que avalase a proposta”. Nese sentido, sinalou que “coa presentación do estudo do experto Luís Caramés era por onde tiñan que ter comezado”.