MOBILIZACIÓN
Rubén Cela reclama “un punto de inflexión para reconducir o conflito do CSOA Escarnio e Maldizer”
Requírelle ao Goberno local ofertar alternativas de espazos públicos para desenvolver actividades sociais e culturais
Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, realizou unha análise do acontecido na manifestación do pasado sábado en Compostela e das consecuencias do desafiuzamento e despexo do CSOA Escarnio e Maldizer.
“A criminalización do conxunto de persoas que apoian as mobilizacións en solidariedade con este colectivo con crispación, medo, dispositivos que entendemos absolutamente desproporcionados e, sobre todo, a instrumentalización política deste conflito, lonxe de axudar a reconducilo, contribúen a agrandalo”, advertiu Rubén Cela.
O BNG congratúlase de que non houbese na manifestación comportamentos violentos por parte das e dos manifestantes, iso se aprecia no recoñecemento dos propios atestados, e no feito de que non se producisen danos nin problemas co mobiliario urbano. A única utilización da violencia foi por parte dos corpos e forzas de seguridade do Estado que incluso, nalgúns casos, dificultaron o labor informativo de xornalistas, explicou o portavoz municipal.
Rubén Cela considera que é necesario marcar “un punto de inflexión para reconducir un conflito que non é bo para ninguén nin para Santiago de Compostela”. Por unha banda, é importante que por parte do Goberno municipal haxa “unha interlocución de, cando menos, ofertar alternativas de espazos públicos para que se poidan desenvolver actividades sociais e culturais como as realizadas nese centro, con independencia de que lexitimamente os organizadores entendan que a ocupación é unha reivindicación política en si mesma e que o seu non é un problema de espazos”.
Por outra, defendeu que “é fundamental que o PP cambie de actitude ante este conflito” e que non haxa “unha instrumentalización partidaria e institucional deste problema”, sexa no Concello ou na Xunta ou na Delegación do Goberno, “porque lonxe de axudar a resolvelo o único que fai é agrandalo”.