ORZAMENTOS
Goretti Sanmartín propón que se inclúa a perspectiva e impacto de xénero no Orzamento de 2021 para Santiago de Compostela
Insta a elaborar o V Plan de Igualdade que debe adecuarse ao contexto de crise económica e dar prioridade a fomentar o emprego de calidade para as mulleres
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2021.- O BNG trasladará ao Pleno unha proposición para que o Concello de Santiago elabore, en colaboración co movemento asociativo feminista e dos grupos municipais, o V Plan de Igualdade (2021-2024) en que incluirá un apartado específico para que os Orzamentos municipais teñan en consideración a perspectiva e o impacto de xénero co obxectivo de reestruturar ingresos e gastos para promover a igualdade na prestación de servizos públicos municipais, en consonancia coa crise derivada da pandemia da covid-19 que está a acrecentar a fenda laboral.
Segundo explicou en rolda de prensa Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG, “preocupa de maneira especial nesta crise económica que as mulleres sufran máis a precariedade laboral, os despedimentos, a temporalidade dos contratos, o paro e as diferenzas salariais”, como se traduce dos propios datos de Santiago de Compostela onde se produciu un incremento de persoas rexistradas no paro, pois hai 3.463 mulleres e 2.944 homes segundo os datos de decembro de 2020, cando eran 2.977 mulleres e 2.394 homes en decembro de 2019.
A nivel galego, a taxa de temporalidade no emprego das mulleres situábase xa en 2019 no 27,5% (2,1 puntos máis que a masculina) e o 77,3% dos traballos a xornada parcial son realizados por mulleres. “A pobreza é feminina, sabemos que en Santiago saíu á luz traballo oculto e somerxido de persoas que non tiñan recursos durante o confinamento e aí había unha porcentaxe moi alta de mulleres co que se incrementou esa feminización da pobreza”, destacou. Datos dun informe da Rede galega contra a pobreza revelan que, xa en 2019, o 24,4% das mulleres estaban en risco de pobreza ou exclusión social, fronte ao 20,7% dos homes.
Sen avaliación do plan anterior
“O IV Plan de Igualdade do Concello de Santiago que estaba previsto para 2017-2020 e, polo tanto, acaba de caducar ten pendente facer a proposta de avaliación e seguimento que estaba incluída no propio documento”, sinalou. É unha prioridade política nestes momentos facer esta avaliación “porque nos preocupan as consecuencias desta crise para as mulleres e porque na avaliación do III Plan de Igualdade xa se expresou que tivera un grao de cumprimento de nivel medio-baixo de implementación e que as medidas de menor desenvolvemento correspondían coa esfera laboral”. Xustamente o menor grao fora no ámbito do emprego, da formación e das posibilidades de ter acceso á igualdade salarial e a combater a precariedade laboral, fronte ás medidas de maior grao de execución referidas ás esferas sociocomunitarias e de cooperación institucional.
Así, cuestionou que a comisión de seguimento do IV Plan de Igualdade non se reunise nos últimos dous anos, cando era preceptivo que contase coa representación de todas as forzas que fan parte da Corporación.
O novo plan, adecuado ao contexto da crise económica e centrado do emprego
Deste xeito, reclamou que a elaboración do V Plan de Igualdade “non sexa rutineira e atenda a situación especial económica de crise no ámbito feminino” e que haxa unha translación de perspectiva de xénero nos Orzamentos municipais, ademais de incluír unha cantidade para a creación e posta en marcha dese plan.
Lembrou tamén unha das “cuestións problemáticas” do plan anterior que incluía a transversalidade nas áreas implicadas no organigrama municipal “pero quedaba á boa vontade de concelleiros e concelleiras responsábeis de cada área colaborar no desenvolvemento das medidas contidas no plan”. “Para nós, isto non é suficiente; é precisa unha dotación específica para a elaboración V Plan de Igualdade e que parta dunha avaliación do anterior e incluír nos próximos Orzamentos a previsión do impacto de xénero, con investimentos e gastos orientados a favorecer a igualdade”, afirmou.
“Para o BNG, este V Plan de Igualdade debe incluír entre as prioridades atender as medidas laborais para fomentar o emprego de calidade e combater a fenda salarial e a precariedade para as mulleres do concello de Santiago”, explicou. “Debe ser realista, adecuarse a este contexto de crise económica e combater a precariedade laboral”, engadiu a portavoz.
Ademais, o documento debe incorporar medidas transversais que conduzan a corrixir as desigualdades, posto que é necesaria a asignación de recursos de xeito proporcional para incrementar a cohesión social, xunto coa reorganización de procedementos municipais que atendan os obxectivos de reducir a discriminación contra as mulleres nas políticas públicas. Favorécese deste xeito o labor de concienciar sobre o punto de partida diferente en que se atopan homes e mulleres na estrutura social compostelá, para o que cómpre redistribuír os fondos dos programas económicos para fomentar a equidade mediante os Orzamentos municipais.