PANDEMIA

O BNG traslada ao Pleno a necesidade de limpeza do ascensor de Triacastela, entre os Concheiros e as Fontiñas

bng
bng

Xa no mes de agosto de 2020 reclamara labores periódicos de mantemento e desinfección desta instalación pública que custou 350.000 euros

O BNG traslada ao Pleno a necesidade de limpeza do ascensor de Triacastela, entre os Concheiros e as Fontiñas

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2021.- O grupo municipal do BNG reclama o mantemento, limpeza e desinfección do ascensor de Triacastela, dos barrios dos Concheiros e das Fontiñas, logo das queixas da asociación veciñal A Xuntanza.

Este elevador, que é utilizado a diario por centos de persoas debido á diferenza de altura da rúa dos Concheiros e da avenida de Lugo, é unha instalación pública municipal que mellora a accesibilidade nestes barrios e que debe contar cos pertinentes labores de limpeza e de mantemento, especialmente nestes tempos de prevención de contaxios da pandemia da covid-19.

Xa no mes de agosto, o BNG alertara das deficiencias de seguranza que presentaba este ascensor ao faltar tramos dos zócalos interiores para evitar incidentes, que foron arranxados. Daquela advertírase dos problemas que aprecia a veciñanza como a sucidade e lixo que contén, polo que o BNG demandara unha limpeza periódica do elevador para axudar a manter en bo estado esta instalación que supuxo un investimento de 355.000 euros.

Deste xeito, o BNG trasladará unha iniciativa ao Pleno de xaneiro para que se realicen as xestións necesarias para realizar o mantemento, limpeza e desinfección de xeito periódico co obxectivo de garantir unha boa conservación deste elevador que facilita os desprazamentos de persoas con mobilidade reducida, cadeiras de rodas, con carros de bebé e da compra que, con anterioridade, non podían usar este atallo de escaleiras e víanse na obriga de bordearen as rúas para salvar un desnivel superior aos 12 metros de altura.

O BNG traslada ao Pleno a necesidade de limpeza do ascensor de Triacastela, entre os Concheiros e as Fontiñas