INTERMODAL
O ADIF dálle a razón ao BNG ao suprimir a cláusula dos 3,5 millóns de pasaxeiros para construír a estación intermodal
Rubén Cela insta a Martiño Noriega a reclamar que se inclúa este acordo verbal no documento do convenio
Santiago de Compostela, 11 de maio de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, realizou unha valoración sobre o novo acordo do Concello de Santiago co ADIF sobre a construción da estación intermodal “porque implicitamente vén darlle a razón ao BNG de que a cláusula dos 3,5 millóns de pasaxeiros era inxusta e supuña un agravio comparativo con respecto a outras cidades onde non se requiriu”.
Deste xeito, demándalle ao alcalde que inste aos organismos que subscribiron o convenio da estación intermodal a trasladar ese novo acordo verbal conseguido de suprimir a cláusula dos 3,5 millóns de pasaxeiros ao documento, pois cun eventual cambio de Goberno, podería ter validez o escrito que prexudica os intereses da cidade.
A estación de mercadorías da Sionlla, aprobada no Pleno
Lembrou tamén que a proposta destinada a dotar Santiago de Compostela da estación de mercadorías ferroviaria na Sionlla prevista no PXOM, como unha das actuacións prioritarias en materia de infraestruturas, foi aprobada por unanimidade a raíz dunha iniciativa que trasladou o BNG ao Pleno de marzo de 2017.