Ana Pontón: “Santiago fará historia o 28M con Goretti Sanmartín como a primeira alcaldesa da cidade”
Santiago de Compostela, 19 de abril 2023.- A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na Sala Capitol na presentación da candidatura do BNG en Santiago de Compostela, destacando o seu total convencemento de que o 28M a capital galega terá por primeira vez na súa historia unha muller á fronte da Alcaldía.
“Desde a razón e desde o corazón quere empezar dicindo algo do que estou profundamente convencida: O 28 de maio esta cidade vai facer historia elixindo a Goretti Sanmartín como a próxima alcaldesa de Santiago, a muller que vai ser capaz de abrir un tempo novo de futuro e de ilusión para devolverlle a Compostela o pulso, o dinamismo, o liderado e a forza que lle corresponden como capital de Galiza”, proclamou.
A líder do Bloque destacou que Santiago precisa saír da rutina “porque non pode moverse co piloto automático, ten que recuperar o pulso e toda a vitalidade no comercio, na cultura, no tecido económico local, na participación cidadá, nas infraestruturas, en servizos públicos. Precisa avanzar cara unha cidade sustentable, igualitaria, feminista”, sintetizou. E o BNG ten o proxecto, equipo e o liderado para facelo posible da man de Goretti Sanmartín, recalcou.
Será unha alcaldesa, “coas mans libres para defender os intereses de Santiago e da súa xente, que non ten que pedirlle permiso a ninguén para reclamar o que é xusto para a veciñanza, sen medo a molestar nin a Moncloa nin a San Caetano”, indicou, implicada en conseguir unha cidade na que calquera persoa poida desenvolver un proxecto de vida, “incluída unha mocidade que hoxe se ve practicamente expulsada pola carestía da vivenda”.
Pontón subliñou que Sanmartín “ten proxecto estratéxico e visión de futuro para construír unha Compostela en grande: grande en dinamismo económico, en cultura, en servizos públicos, grande en transparencia e en protagonismo da cidadanía”, destacou, ao que suma o entusiasmo e a enerxía “desbordantes” dunha candidata que ten a cabeza e o corazón na cidade.
“Goretti vai conseguir que Santiago recupere o lugar que lle corresponde, colocar esta cidade na vangarda, cun proxecto transformador que bebe do modelo municipal de éxito do BNG, un modelo que transforma en positivo mellorando a vida das persoas, que xera dinamismo económico e social, que xestiona con eficacia e con transparencia cada euro, un modelo municipal que é referente dentro e fora de Galiza”.
“Santiago merece unha alcaldesa que aposte pola innovación e a investigación, capaz de recuperar a Compostela capital cultural, merece unha alcaldesa feminista, preocupada polo benestar social, que poña as persoas no centro, que aposte polo medio ambiente e a loita contra cambio climático. En definitiva, Goretti Sanmartín é a alcaldesa capaz de conseguir ese Santiago que queremos e que merecemos”, concluíu.
Representación social da cidade
Pola súa parte, Sanmartín agradeceu a representantes de numerosas asociacións que asistiron ao acto, do ámbito veciñal, cultural, ecoloxista, da lingua, do patrimonio e do tecido económico e manifestou que “non é posíbel facer política municipal sen contar coa súa implicación, coa participación dos sectores máis dinámicos do concello”. Máis de 400 persoas encheron a Sala Capitol nun ambiente de ilusión pola transformación que vai supor para Santiago o BNG na Alcaldía.
Fixo referencia a que Santiago “non se pode resignar, porque merece moito máis, merece ilusión, ideas novas e ganas de cambiar as cousas", indicou, “merece unha Corporación que se preocupe polas persoas que aquí viven e residen, para sentir que estamos nunha cidade única, con enormes potencialidades e cun extenso rural que non pode ser seguir a ser discriminado", engadiu na súa intervención.
Honestidade, verdade, transparencia
“Compostela non quere enganos; quere honestidade, verdade, transparencia, participación e democracia”, recalcou dunha cidade que tamén quere un modelo claro de cidade, despois de ter cinco alcaldes en doce anos. “Outras forzas políticas tiveron xa a Alcaldía e demostraron que o concello non mudou, con gobernos que, non só non entusiasmaron senón que sumiron a Santiago no cansazo, na apatía”, asegurou.
“A xente quere cambio e só hai dúas opcións: ou Borja Verea e o PP ou o verdadeiro cambio transformador que representa o BNG”, afirmou. “O Bloque merece, por vez primeira, gobernar o concello desde a Alcaldía”, engadiu.
Así detallou que o BNG quere un concello que sexa capital verde europea, unha cidade preparada contra o cambio climático, humanizada, accesíbel, orgullosa da súa identidade, da súa lingua, da súa cultura. "Queremos esa cidade das pequenas grandes cousas, do mantemento das infraestruturas e de servizos públicos de calidade, sen discriminacións dependendo de onde vivas, unha cidade feminista e de vangarda cultural", explicou.
Candidatura do BNG para ás eleccións municipais de maio de 2023:
Goretti Sanmartín Rei; Míriam Louzao Fernández; Xesús Domínguez Domínguez; Pilar Lueiro García; Manuel César Vila; Iago Lestegás Tizón; Saleta Chao Rivas; Xavier Castro Martínez; Marisa Gil Nieto (independente); Alexandre Garrido López; Sandra López Corral; Lucía Carreira Pérez; Lois Calvelo Rozas; Concha de la Fuente Pérez; Fernando Lacaci Batrés (independente); Isabelle Marie Pierre Kerdudo; Martiño Cacheda Rodríguez; María Bará Louro; Xosé Manuel Quintáns Couselo; Lurdes Sesto Gontán; Xan Fernández Bello; Eva Cividanes Portela (independente); César Lago Bouza; Encarna Brión Tubío, Alfonso Vilas Zarauza (independente). Suplentes: Carlota Castro Eiroa, Fernando Rei Maio, Marta Domínguez, Luis Eduardo Froiz Casal, Ana Rodiño Domínguez, Xan Freire Otero, Elena Maio Abeijón, Antonio Cebey Giadas, Mercedes Monteagudo Poceiro, Xerardo Rodríguez Roca.