FACENDA
O BNG cualifica de “electoralista” a distribución de remanentes do alcalde, con propostas que anuncia como candidato en precampaña
“Promete microbuses ao rural con cargo aos remanentes, cando deberan estar no novo contrato”, advirte Goretti Sanmartín
Santiago de Compostela, 18 de abril de 2023.- Goretti Sanmartín cualificou de “electoralista” a distribución de remanentes que anunciou en Xunta de portavoces o alcalde e candidato do PSOE, xa que inclúe obras que promete en precampaña sen estar aprobados en Pleno e outras que xa tiñan que estar realizadas que demostran a falta de execución orzamentaria.
Referiuse en rolda de prensa á proposta de destino de remanentes de tesouraría, é dicir, do orzamento que quedou sen executar por parte do Goberno local do PSOE por falta de xestión. Cómpre lembrar que en 2022 só executaron o 16% do orzamento previsto. Isto é deixaron sen gastar 84 de cada 100 euros do capítulo de investimentos, que agora van prometer como obras novas.
Falando de cifras, dun orzamento total de 24.636.988 euros, 14.603.238 xa son de necesidades ordinarias pendentes de pago, co que quedan 10.033.749 euros para investimentos, dos que tamén hai que eliminar novas necesidades urxentes sobre as que vai existir un acordo de prioridade. “Sexa o que for, mesmo sobre 3 ou 4 milllóns que poidan ficar para investimentos o lóxico é consensuar as prioridades, non traer unha proposta de parte”. Ademais, destacou que hai 8.577.116 euros que son facturas pendentes de pago, que afogan a economía local de provedores.
Así, cuestionou que en vez de fixar na Xunta de portavoces as prioridades e mesmo poñer enriba da mesa algunha do grupo de goberno, o PSOE trae unha proposta de investimentos de remanentes de tesouraría, sen marxe para os demais grupos, “onde inclúe temas que o PSOE prometeu electoralmente á veciñanza, como dous microbuses eléctricos para o rural, que o lóxico é que saísen no contrato de transportes”, explicou.
Falta de planificación do PSOE
“Desde o BNG cuestionamos a falta de planificación e a improvisación do alcalde Xosé Sánchez Bugallo, posto que despois do atraso de catro anos na licitación do novo contrato de autobuses, o mesmo día en que inician o proceso xa advirten de que non inclúe os microbuses para o rural”, indicou. Isto tradúcese nunha mostra máis do abandono e esquecemento do rural. Agora prométeos con cargo aos remanentes de tesouraría, sen saber quen vai conducir eses autobuses nin quen os vai manter.
Nos remanentes inclúe tamén obras que é imposíbel rematar antes do 31 de decembro, como o segundo tramo da Vía Verde, sinalou.
“É a primeira vez que se discuten uns remanentes dun goberno en minoría sen lle dar ningunha opción de propostas á oposición nin debater previamente prioridades, por exemplo aprobadas no Pleno maioritariamente, como a execución do proxecto inicial da segunda fase das obras de Castrón Douro e Sar”, indicou. O BNG entende que estas obras se poden facer xa co proxecto existente. Se precisan estudos económicos ou un novo proxecto, poden incluír unha cantidade para iso.
Quedan sen incluír outras cuestións como as obras de saneamento no Eixo, que foron aprobadas por maioría no Pleno, e hai proxectos que tiñan que estar feitos a estas alturas despois de que Bugallo as prometese en 2019 como o proxecto de humanización do Restollal. Ademais, queremos saber se van rematar as obras de Vista Alegre e facer os arranxos para os que tiñan 100.000 euros dos remanentes 2021.
Por poñer un exemplo máis, unha iniciativa do BNG aprobada no Pleno do 4 de outubro de 2021 como é a mellora do parque infantil de Verdía, inclúese agora con cargo aos remanentes. Con dous anos de demora e en precampaña electoral.
“Temos que denunciar tamén o carácter autoritario do alcalde, que nin sequera deixaba falar a concelleira Marta Abal durante a reunión, nin dar as explicacións relativas á súa área de Facenda”, advertiu.
En resumo, cuestionou “o talante autoritario do alcalde, que escolle proxectos para consignar os remanentes de tesouraría sen consensuar cos demais grupos municipais nin coa veciñanza, logo de 4 anos sen realizar as obras aprobadas en Pleno, moitas delas a iniciativa do BNG”. Esta proposta é electoralista, prometendo obras en precampaña, cando xa tiñan que estar realizadas, e demostra a grave falta de execución orzamentaria.
“Esta actitude vaille pasar factura ao alcalde, porque coas visitas que estamos a facer nos barrios e parroquias a veciñanza transmítenos que Bugallo xa non engana ninguén, que é necesario outro modelo participativo e tendo en conta as urxencias e necesidades da veciñanza cun compromiso serio como o que ofrece o BNG”, concluíu.