PLENO

Rubén Cela considera un “atopelo democrático” que non se convocase este ano o Debate do Estado do Concello

Incúmprese a convocatoria anual marcada no regulamento para este debate que ten unha importancia superior á de calquera Pleno

Rubén Cela considera un “atopelo democrático” que non se convocase este ano o Debate do Estado do Concello

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, cualificou de “atropelo democrático” que o Goberno de Compostela Aberta non convocase este ano o Debate do Estado do Concello como indica o Regulamento orgánico municipal do Pleno. Deste xeito, advertiu, prívase á Corporación municipal da “transparencia necesaria para diagnosticar e analizar a situación actual, mais tamén de formular propostas en positivo para o futuro” seguindo a liña que iniciou Conde Roa.

De acordo co artigo 114 do Regulamento orgánico municipal do Pleno de Santiago de Compostela, o Goberno local ten que realizar tres plenos extraordinarios de Debate de Estado do Concello, a excepción do ano en que se convoquen eleccións municipais.

Así, explicou que o feito de Compostela Aberta non convocar este debate fai que se asemelle á situación sufrida durante o Goberno do PP no último mandato, caracterizada pola falta de transparencia. “Por desgraza, levamos demasiados anos sen que se convoque o debate do Estado do Concello e vemos como se lle furta ese encontro á oposición e tamén ao conxunto da veciñanza”, engadiu.

Rubén Cela xa lle lembrara publicamente no mes de outubro ao alcalde que debía anunciar a convocatoria deste debate, pois ten unha importancia cualitativamente diferente a calquera outro Pleno.

Deste xeito, Compostela Aberta furta a posibilidade de ter un debate amplo sobre o funcionamento deste concello, cal é o grao de cumprimento de obxectivos que se marcaba o novo Goberno, iniciativas políticas, análise da execución de acordos orzamentarios, funcionamento da xestión ordinaria, compromisos electorais ou a situación interna como administración.

Rubén Cela considera un “atopelo democrático” que non se convocase este ano o Debate do Estado do Concello