Aprobada no Pleno a iniciativa do BNG para a instalación de novas marquesiñas no rural
Trasladou demandas da veciñanza de Figueiras e de Home Santo recollidas nas reunións con diversos colectivos
Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2015.- O grupo municipal do BNG defendeu no Pleno a elaboración dun programa municipal para a instalación de novas marquesiñas no rural, así como melloras na accesibilidade das existentes, co obxectivo de favorecer o uso do transporte público colectivo. Para iso, propuxo buscar os fondos necesarios, en colaboración con outras administracións, para a posta en marcha deste programa en 2016. Aprobouse por unanimidade.
Unha das mocións do BNG foi destinada a incluír nos Orzamentos de 2016 a elaboración dun plan municipal para fomentar o emprego digno destinado á mocidade, en coordinación con outras administracións e axentes sociais, co obxectivo de deter a emigración xuvenil e de posibilitar o regreso das persoas mozas que emigraron nos últimos anos. Contou co voto favorábel de todos os grupos políticos, agás Compostela Aberta, que se abstivo.
Noutra moción require a instalación de contedores de aceite usado coa identificación dunha campaña de sensibilización en máis centros colaboradores repartidos por todo o municipio de Santiago de Compostela. Foi aprobada cunha emenda do PSOE.
Demandas veciñais
O BNG trasladou ao Pleno diversas reivindicacións de asociacións veciñais, froito das reunións mantidas nas últimas semanas. Así, reclamou, a través dun rogo, melloras na imaxe e na seguridade viaria da rúa do Home Santo, no relativo a incrementar puntos de iluminación pública, acondicionamento de alcouves, mantemento das xardineiras, limpeza de beirarrúas e regulación do tráfico, entre outros. Foi aprobada.
Demandou tamén o BNG unha campaña de información e sensibilización respecto das normas contidas na ordenanza municipal de posesión e custodia de animais, ademais de efectuar unha maior vixilancia nos espazos públicos para cumprir esta normativa para evitar que anden os cans soltos e os excrementos sen recoller. Foi aprobada.
Noutra das iniciativas, desta vez referida á parroquia de Figueiras, reclamouse a execución do proxecto de iluminación pública no tramo entre Codesedas e o campo da festa, que foi aceptada polo grupo de Goberno de Compostela Aberta, mais a adecuación da zona deportiva e a súa contorna e a posibilidade de que pase a ser xestionada polo departamento de Deportes foi reixeitada.