O BNG advirte de que o 14 de marzo remata o contrato do servizo dos centros socioculturais
Rubén Cela explica que é unha irresponsabilidade por parte do alcalde provocar esta situación cando sabe que non hai opción legal para prorrogar este contrato
Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2016.- O grupo municipal do BNG advirte de que os centros socioculturais quedarán sen contrato o 14 de marzo e sen posibilidade de nova prórroga á empresa Arasti Barca que presta este servizo, posto que o Goberno de Compostela Aberta non iniciou o proceso de licitación no prazo que lle corresponde nin procedeu á súa redefinición.
Para Rubén Cela, portavoz municipal do BNG no pazo de Raxoi, isto é unha mostra máis da ineficacia na xestión ordinaria da actividade municipal por parte de Compostela Aberta, pois dende que entraron a gobernar en xuño de 2015 sabían cando conclúe este contrato do servizo dos centros socioculturais e tempo tiveron para convocar o proceso de concurso público ou traballar para a súa municipalización.
No prazo de execución do contrato, en vigor dende o 14 de marzo de 2012, estipulábanse dous anos que poderían ser prorrogábeis, por acordo expreso do órgano de contratación, por un tempo máximo de dous anos máis, como así aconteceu ao tempo que se mantiveron inalterados os prezos unitarios iniciais que figuraban no documento. Así é que o Goberno de Martiño Noriega tiña que ter iniciado un novo proceso de licitación do servizo para evitar o baleiro que se vai producir a mediados deste mes.
Deste xeito, o BNG rexistrou unha nova batería de preguntas dirixidas ao alcalde Martiño Noriega sobre o funcionamento da rede de centros socioculturais e o modelo de contratación, ante a incerteza de persoas usuarias e persoal contratado pola expiración do contrato e diante da cantidade de sentenzas desfavorábeis aos intereses municipais por cesión ilegal de persoal e por diferenzas salariais.
Ademais, o BNG lembra que demandou o expediente coa oferta presentada da empresa adxudicataria en dúas ocasións (7 de outubro e 14 de novembro de 2015) para comprobar o grao de cumprimento da prestación do servizo e para recordar a proximidade da finalización do contrato, cuestións que non foron atendidas polo Goberno de Compostela Aberta.
Deste xeito, considera que se está a vulnerar o dereito que asiste aos grupos da oposición a obter información pública municipal para desenvolver o labor de control e de fiscalización que lle corresponde.