PLENO

O BNG chega a un acordo co grupo de Goberno para impulsar o Orbitaliño coa menor afectación á veciñanza de Formarís

Proxecto do Orbitaliño
Proxecto do Orbitaliño
O Concello ofrecerá asesoramento técnico e legal á veciñanza afectada e asociacións que tamén estimen presentar alegacións para defender as vivendas, terreos agrarios e espazos rurais
O BNG chega a un acordo co grupo de Goberno para impulsar o Orbitaliño coa menor afectación á veciñanza de Formarís

O Concello seguirá a dialogar co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para que teña en conta as peculiaridades do núcleo tradicional e presentará alegacións nesa liña ao proxecto do Orbitaliño

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2022.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, co afán de que a Corporación mostre de novo o seu compromiso cos acordos subscritos por todas as forzas políticas representadas no Foro Cívico, chegou a un acordo co grupo de Goberno do PSOE para rexistrar unha emenda transaccional destinada a continuar coas xestións necesarias para que o proxecto do Orbitaliño inclúa as mellores solucións para a veciñanza, o comercio, o desenvolvemento do rural e a industria afectadas na zona Formarís, tal e como se aprobou por unanimidade da Corporación no Pleno de xuño de 2021.

Con este texto maniféstase, unha vez máis, que é unha prioridade para Santiago a construción do enlace entre AP-9 coa N-550, coñecido como o Orbitaliño. Así, pretende que os grupos políticos manteñan o espírito acadado polo consenso do Foro Cívico, comprometéndose a buscar canles de colaboración para conseguir un consenso nos temas cruciais para a cidade.

Deste xeito, o Concello de Santiago seguirá mantendo un diálogo co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para que teña en conta nesta actuación as peculiaridades dos núcleos tradicionais galegos e presentará alegacións nesa liña ao proxecto do Orbitaliño.

Ademais, o Concello de Santiago ofrecerá asesoramento técnico e legal á veciñanza afectada e asociacións que tamén estimen presentar alegacións para defender as vivendas, terreos agrarios e espazos rurais para a cohesión territorial da aldea que pode alterar o proxecto do Orbitaliño.

 

O BNG chega a un acordo co grupo de Goberno para impulsar o Orbitaliño coa menor afectación á veciñanza de Formarís