PLENO

Goretti Sanmartín considera insuficiente destinar o 0,06% do Orzamento de 2022 ao Plan de Igualdade

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi

Dedicar 84.000 euros dun orzamento de 125.000.000 de euros é unha cantidade “insignificante” para un obxectivo político de primeira orde

Goretti Sanmartín considera insuficiente destinar o 0,06% do Orzamento de 2022 ao Plan de Igualdade

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2022.- Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG, na súa intervención na sesión plenaria sobre a aprobación do V Plan de Igualdade 2022-2025, advertiu do atraso na súa elaboración, pois o anterior concluíu en 2020. Considera insuficiente destinar 84.000 euros “para un obxectivo político que debera ser de primeira orde”.

“Existe un repunte da violencia de xénero e de agresións sexuais, en todo o Estado español, mais de maneira clara na Galiza e en Santiago de Compostela, que nos corresponde combater”, explicou. “Lembremos que no primeiro trimestre de 2022 houbo na Galiza un 18% máis de denuncias por violencia de xénero respecto da mesma etapa de 2021”, engadiu. As cifras de ordes de protección solicitadas, de denuncias presentadas e de mulleres vítimas non deixan de medrar.

Para o BNG, a Igualdade só se fomenta con recursos humanos, materiais e económicos e, para combater a violencia de xénero, hai que ter a vontade de facer dese obxectivo unha prioridade política. Por iso esixiu que o plan fose acompañado dun orzamento que tiña que ser moito máis detallado do que se presenta, porque a prospección que se acompaña indica que o goberno se ampara na próxima convocatoria electoral para realizar só un compromiso de mínimos que está moi lonxe de atender ás necesidades que temos diante.

Por unha parte, non se xustifica en ningures esta distribución, non se sabe que medidas se corresponden con cales áreas nin cal é o orzamento previsto de cada medida, “o que converte o documento en vago, impreciso e, derivado diso, en de pouca credibilidade”, segundo cualificou.

Desde a perspectiva económica, o Goberno local dedicará neste ano 2022 a este Plan de Igualdade un 0,0672 %, 84.000 euros dun orzamento de 125.000.000 de euros, “unha cantidade francamente moi superábel e insignificante se quixeren trasladar que este é un obxectivo político de primeira orde”. “Non digo eu que teña a Administración municipal que dedicar o 1% do orzamento que o BNG leva demandando á Xunta de Galiza que ten a maioría das competencias nesta materia, mais a verdade é que a cantidade fica ridícula; chegar ao 0,5% sería moito máis digno”, reclamou.

Conciliación e comedores escolares

Da sesión plenaria de hoxe, o BNG destaca as intervencións de Nastasia Zürcher Losada, en representación de Músic@s ao Vivo, para reclamar a contratación de artistas locais e de Galiza nas festas; de Carme Iglesias, en representación do comité de empresa dos centros socioculturais; e de Esther Martínez, en representación da FANPA, sobre as problemáticas xeradas coa pésima xestión do programa de conciliación do Departamento de Educación.

Nese sentido, Goretti Sanmartín destaca a moción do BNG que se debaterá para a reprobación do concelleiro de Educación por non convocar en prazo as actividades de conciliación e provocar graves problemas ás familias que precisan deste recurso. Lembrou que o BNG conseguiu que se aprobase, en novembro de 2016, un acordo para que se convoque un programa anual de actividades de conciliación para verán, Nadal, Semana Santa e entroido, de tal xeito que permita unha programación con anticipación, diversidade de actividades e prezos públicos. Considera necesario tamén que se atendan todas as solicitudes presentadas, cunha ampliación da oferta, porque só así se garante o dereito de acceso universal a este servizo.

 

Goretti Sanmartín considera insuficiente destinar o 0,06% do Orzamento de 2022 ao Plan de Igualdade