PLENO
Goretti Sanmartín reclama responsabilidade no Goberno local para o mantemento dos lavadoiros tradicionais
Solidarízase coa veciñanza de Sar que vai limpar a vexetación que cobre o lavadoiro octogonal de Picaños
Lembra que existe unha partida de 50.000 euros sen executar para arranxar 18 lavadoiros tradicionais
Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2022.- O BNG e solidarízase coa veciñanza de Sar indignada polo estado de abandono do lavadoiro tradicional de Picaños, un elemento etnográfico singular pola súa forma octogonal, que debería ser un tesouro patrimonial e lugar de visita para coñecer tanto a veciñanza como a que xente que vén de fóra. “É indignante o estado en que se encontran o lavadoiros e pedimos unha intervención urxente do Goberno local neste sentido”, indicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.
Este lavadoiro leva moito tempo en situación deplorábel, con sucidade e con maleza na contorna. De feito, Goretti Sanmartín lembrou que o BNG pediu en febreiro que o Goberno local realice o labor de conservación deste espazo “e a estrañeza nosa foi que a contestación do alcalde foi, inicialmente, que se encargase a veciñanza de conservalo para logo rectificar e dicir que é o Concello tamén quen debe facelo”. Transcorreron 6 meses sen que o Goberno local fixese nada para solucionalo.
Non é a primeira vez que o BNG solicita arranxos de muíños e de lavadoiros, como o de Laraño en outubro de 2018, ademais de reclamar unha partida especfífica do orzamento que puidese servir para contribuír á súa recuperación, rehabilitación e posta en valor. Así, conseguiu que se incluísen 50.000 euros para a reparación e acondicionamento de 18 lavadoiros, entre os que se encontran o de Picaños, Lamas de Abade, Casal do Castiñeiriño, Combarro, Salgueiriños, Romaño, Avío, Vite, Cornes, Conxo e Cantaleta, entre outros.
“Non é de recibo o estado en que se encontran estas riquezas patrimoniais, cando logo si recoñecen o seu significado en programas de recuperación de memoria etnográfica e da vida das mulleres e cando hai moitos proxectos para facer performances e intervencións nos lavadoiros”, indicou.
Fixo referencia tamén a que por lado se di que a limpeza ten que ser algo controlado e con criterios técnicos cando despois o Concello fai un desleixo total de responsabilidades. “É indignante o estado en que se encontran o lavadoiros e pedimos unha intervención urxente do Goberno local neste sentido”, concluíu.