CONTRATACIÓN
Goretti Sanmartín destaca a “evidente propaganda” dos plans de contratación porque non hai control dos prazos
Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2022.- O BNG, logo de facer unha análise comparada da execución do primeiro e segundo plan de contratación realizados desde que o PSOE entrou na Alcaldía, destaca “a evidente propaganda que hai detrás cando aínda non se puxeron en marcha contratos de servizos básicos como o de transportes, comedores, auga e iluminación, entre outros, pese aos reiterados anuncios de que ían ser inminentes por estar caducadas as concesións e ao enriquecemento que isto supón para as empresas que os prestan en precario despois do prazo máximo de execución que figuraba nos pregos”.
Segundo explicou Goretti Sanmartín, o erro clave destes “plans propagandísticos” é que non levan un cronograma asociado de prazos para licitación e tempo de duración dos contratos, ademais de numerosos erros na tramitación que provocan que as empresas presenten recursos que demoran as adxudicacións mentres non se resolven.
Así, o BNG cuestiona a falta de previsión. “Sábese con anos de antelación que día vai vencer cada contratos e saben que, de media, un contrato de servizos deste tipo leva tramitalo 6 meses neste Concello; unha boa xestión é tan simple como que 9 meses antes do seu remate inicien a tramitación por se puidera xurdir algún imprevisto”, indicou a portavoz municipal do BNG.
Ademais, o que están a facer, é dobremente grave porque voluntaria ou involuntariamente están a favorecer determinadas empresas, pois amplían máis do debido os seus contratos e, dese xeito, prexudican a igualdade de oportunidades doutras empresas de poder concorrer á prestación destes servizos.
A isto súmase que os novos contratos adxudicados de parques e xardíns, servizo de axuda no fogar, centros socioculturais e recollida de residuos, por citar uns exemplos, non solucionaron os problemas existentes; cuestións que aprecia tanto a veciñanza como o propio persoal destes servizos que ven empeoradas as súas condicións de traballo porque o Goberno local non fai o debido control das concesionarias.
Por citar un exemplo, moitos dos parques están abandonados porque só coidan os das zonas de turistas. Os parques de Belvís, A Torreira, Batalla de Clavijo, Quiroga Palacios e Vite-Vista Alegre están sen mantemento. “Existen, pois, zonas de primeira e de segunda en canto ao coidado e mantemento dos parques e xardíns, cunha clara prioridade deste Goberno local do PSOE en embelecer as zonas de turistas en detrimento dos barrios en que vive a veciñanza compostelá”, indicou.