PLENO

Goretti Sanmartín insta a realizar as obras comprometidas coa veciñanza de Figueiras

Goretti Sanmartín (BNG)
Goretti Sanmartín (BNG)

O BNG traslada unha iniciativa ao Pleno para realizar melloras na seguranza viaria, nas instalacións deportivas e na iluminación pública

Goretti Sanmartín insta a realizar as obras comprometidas coa veciñanza de Figueiras

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2022.- O BNG trasladará ao Pleno unha proposición para realizar as obras pendentes comprometidas polo Goberno local do PSOE coa veciñanza de Figueiras.

“A asociación veciñal Nova Xeira de Figueiras vén de facer pública unha relación de compromisos pendentes do Goberno local relativas a obras de seguranza viaria, a paralización das obras nas instalacións deportivas e a falta de iluminación pública”, explicou Goretti Sanmartín.

Neste sentido, reclaman a mellora da seguranza viaria mediante a pavimentación do tramo que vai desde a papeleira de Brandia ata Marmancou, con fochancas de grandes dimensións situadas nunha curva e cambio de rasante. Esta vía é moi transitada ao ser a zona de acceso para toda a veciñanza e centros escolares.

En canto á senda peonil na CP 7803 desde o Carme de Abaixo a Figueiras, que foi aprobada en 2019, a asociación Nova Xeira advirte de que está pendente de execución pola necesidade de cesión dunha parcela do Consorcio da Cidade de Santiago para poder licitar o proxecto.

Ademais, alertan da paralización da obra nas instalacións deportivas do campo da festa, financiadas pola Deputación da Coruña, que se iniciou en abril do 2019 cun prazo de execución 4 meses. Desde esa data a veciñanza non pode facer uso desas instalacións para practicar deporte e no campo da festa hai perigo potencial porque as obras non están acoutadas como deberan. Reclaman que o Concello de Santiago axilice os cambios introducidos no proxecto e introduza materiais que se atopen no mercado, para poder continuar a execución da obra. A iso súmase a proliferación de vexetación nesta zona deportiva, que revela un descoido total dos espazos públicos por parte do Goberno local.

Outra cuestión que reclama a veciñanza é a reposición da iluminación desde Codesedas, Xulacasa e ata a igrexa, tendo en conta o proxecto aprobado na Xunta de Goberno local en marzo de 2022 por un importe de 44.000 euros. Con esta obra estaba previsto substituír a infraestrutura de iluminación pública existente, incluíndo luminarias led de alta eficiencia e baixo consumo, cableado e arquetas.

Goretti Sanmartín insta a realizar as obras comprometidas coa veciñanza de Figueiras