CAPITALIDADE
O BNG sinala que a celebración do Estatuto de Capitalidade debería vir da man do incremento da achega económica da Xunta
Goretti Sanmartín lembra a “discriminación histórica” de Santiago por non percibir os 5,5 millóns de euros anuais que como mínimo lle corresponden
Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2022.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, cualificou como “unha celebración importante para o noso concello” o vixésimo aniversario da promulgación Estatuto da Capitalidade de Santiago, “que debería vir da man dun compromiso da Administración galega para cumprir con Santiago no que se refire á achega económica que a propia Xunta de Galiza debe xustamente polas consecuencias da capitalidade”.
Nese sentido, lembrou un estudo que hai anos realizaron o profesor Luís Caramés e a profesora María Cadaval, que estimaba a cantidade que debía percibir Santiago polo Estatuto da Capitalidade era arredor dos 5,5 millóns de euros anuais, “porén a Xunta leva varios anos estacada nunha cantidade que non chega aos 2,4 millóns de euros”. “Por tanto, é menos da metade do que un estudo dicía hai anos que custaban os gastos ocasionados pola capitalidade”, engadiu.
“Agardamos como BNG que este sexa un día de celebración mais tamén de reivindicación desde onde o Goberno local do PSOE volva poñer enriba da mesa que é necesario que a Xunta de Galiza cumpra con Santiago de Compostela para conseguir que esa cantidade de 5,5 millóns de euros que se cifraba hai varios anos sexa unha realidade, para rematar con esa discriminación histórica”, indicou.