PLENO
Goretti Sanmartín: “O Orbitaliño está proxectado con perspectiva de Madrid en vez de protexer un núcleo rural”
O BNG defende unha proposta de trazado consensuado coa veciñanza para non levar por diante casas e terreos agrarios co fin de evitar a fragmentación da aldea
Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2022.- A portavoz municipal Goretti Sanmartín explicou que o BNG apoia a veciñanza de Formarís afectada polo proxecto do Orbitaliño, “que está elaborado con perspectiva de Madrid desde o Ministerio de Transporte e Mobilidade, que só ve autoestradas e autovías”. Proporá no Pleno que o Concello ofreza asesoramento técnico e legal para facer alegacións de cara a preservar este núcleo rural tradicional, evitar a fragmentación da aldea, o derrubo de vivendas e inutiliza terreos agrarios, para cumprir o acordo de xuño de 2021 aprobado por unanimidade da Corporación a raíz dunha moción do BNG.
O Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana publicou no BOE a aprobación provisional do proxecto, en fase de alegacións, para enlazar a N-550 co Orbital, que non modifica os erros detectados “cando a veciñanza de Formarís trasladara unha proposta de trazado consensuado que puidese garantir que non levase por diante casas e terreos agrarios para evitar converter a aldea nun vial de circulación”. “A veciñanza de Formarís está moi preocupada por un proxecto necesario para Santiago de Compostela mais que non pode acabar cunha aldea e onde existe o consenso político da Corporación municipal para que este proxecto non sexa realizado dese xeito por un Ministerio desde a perspectiva posta en Madrid e non no que significa Santiago de Compostela e un núcleo rural que debemos preservar”, explicou.
Deste xeito, lembrou que o BNG presentou unha moción en xuño de 2021, hai agora un ano, en que se instaba o Goberno local a facer as xestións necesarias para que o proxecto do Orbitaliño fose consensuado coa veciñanza de Formarís, na Sionlla, e respectase os núcleos tradicionais rurais coa menor afectación posíbel para evitar que, xustamente, esa infraestrutura necesaria para Santiago de Compostela evitase a fragmentación poboacional e garantise a cohesión territorial e o acceso aos estabelecementos comerciais existentes. Esa moción foi aprobada por unanimidade.
Por tanto, o BNG solicitará de novo, mediante unha moción de urxencia, que se teña en conta á veciñanza, que o Concello presente alegacións para a cohesión territorial e a defensa deste núcleo rural tradicional e preste asesoramento técnico e legal á xente de Formarís, para evitar a fragmentación deste lugar.