PLENO

Goretti Sanmartín: “É un clamor social a necesidade de mellorar a recollida de residuos e o Goberno local do PSOE segue ausente”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

O BNG traslada unha moción conxunta para atender as demandas veciñais e do comité de empresa por parte da concesionaria

Goretti Sanmartín: “É un clamor social a necesidade de mellorar a recollida de residuos e o Goberno local do PSOE segue ausente”

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2022.- O grupo do BNG, xunto cos demais grupos da oposición, presenta unha moción conxunta ao Pleno para o cumprimento do contrato da empresa concesionaria do servizo de recollida de residuos e o convenio onde se recollen os dereitos e as obrigas do persoal en materia laboral.

É un clamor social, tanto da veciñanza compostelá como das persoas que nos visitan, a necesidade de mellorar o sistema de recollida de residuos en Santiago de Compostela. É evidente a falta de limpeza de rúas, o estado e mala distribución dos colectores para a recollida selectiva nos barrios, a escasa frecuencia de baleirado de papeleiras e a mala imaxe que ofrecen centos de bolsas depositadas cada tarde nos portais da Cidade histórica.

Isto débese ao consentimento do Goberno local coa falta de inspección da empresa de recollida de residuos, ante o incumprimento da dotación de medios materiais e humanos que figuran no contrato, así como á falta de coordinación deste servizo público. Ademais, tampouco se fan públicos os informes e relatorios de control desta prestación.

Son coñecidas as queixas do comité de empresa de Urbaser, que advirte do incumprimento da bolsa de traballo existente ao non respectar a antigüidade para poder ter posibilidade de optar a contratos indefinidos tras xubilacións parciais ou totais e, sobre todo, que se respecten os pregos. Reclaman tamén a contratación das persoas que a empresa ofertou na adxudicación, para que se conforme o número de brigadas suficientes para a realización do traballo diario. En definitiva, o comité reclama que a empresa cumpra cos acordos da bolsa de traballo que figura no prego e no convenio colectivo de Urbaser Santiago.

Fai falta non só que doten de máis máquinas varredoras, fregadoras e de camións de recollida de residuos que cumpran as garantías de seguranza e que estean en bo estado; tamén é necesario que as máquinas que xa hai saian á rúa e que non estean metidas nun almacén. O comité de empresa alertou de que os 136 colectores soterrados existentes en Santiago carecen de mantemento.

En canto aos colectores, existen numerosas queixas da falta de depósitos para a recollida selectiva de residuos nos barrios. Existe unha conciencia ecolóxica crecente na veciñanza para o uso dos colectores de papel, vidro e materia orgánica que non atopa o apoio preciso para favorecer a reciclaxe co sistema actual debido, en boa medida, á falta de colectores próximos ás vivendas e mesmo en diversos tramos das rúas máis longas para facelo viábel. Fai falta tamén unha campaña de sensibilización para que que se cumpran os obxectivos ambientais que marca a normativa ambiental, en que Santiago está moi lonxe de alcanzar.

Goretti Sanmartín: “É un clamor social a necesidade de mellorar a recollida de residuos e o Goberno local do PSOE segue ausente”