PLENO

O BNG defende un cambio de modelo turístico e propón que haxa persoal a pé de rúa que ofreza información de lugares para visitar

Goretti Sanmartín (BNG)
Goretti Sanmartín (BNG)

Santiago dispón dun servizo de información e de sinalización de lugares emblemáticos insuficiente para os milleiros de persoas que recibe

O BNG defende un cambio de modelo turístico e propón que haxa persoal a pé de rúa que ofreza información de lugares para visitar

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2022.- O BNG considera que hai que ir cara a un turismo sustentábel e facer unha mudanza do modelo actual, “non apostar polo turismo masivo senón ir cara a un esquema de recuperación de vitalidade da zona histórica e conseguir que o diagnóstico de descentralización e desestacionalización sexa unha realidade”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal.

Dentro das melloras que propón está incrementar os sistemas de información turística, en colaboración con Incolsa. Así, explicou que “é necesario dispor de persoas que ofrezan información turística en diversos idiomas nas rúas e prazas emblemáticas para mellorar este labor e dar a coñecer outros lugares para visitar”.

Propón tamén que se instalen novos paneis de sinalización e se proceda a indicar a dirección aos monumentos máis relevantes, de xeito ben visíbel, na praza de Cervantes; así como as direccións á estación intermodal de ferrocarril e autobuses e ao Monte do Gozo.

Ademais, reclama que o Concello de Santiago habilite paneis cun distintivo específico para sinalizar  as paradas do autobús ao aeroporto e porá en funcionamento o panel electrónico que indica as frecuencias das liñas. “As persoas que visitan Santiago de Compostela descoñecen onde están situadas as paradas do autobús ao aeroporto, que non saben onde están situadas, nin o número da liña que lles corresponde nin o tempo de agarda, posto que o panel informativo electrónico non está operativo”, advertiu. “É necesario mellorar as paradas de autobús e os paneis informativos para a xente que reside en Compostela e tamén para a que nos visita”, engadiu.

Santiago de Compostela é unha cidade turística que recibe milleiros de persoas visitantes a diario nesta tempada de verán. Pese a isto, dispón dun servizo de información e de sinalización de lugares emblemáticos insuficiente, á vista de que comerciantes da Cidade histórica se ven na obriga de resolveren as dúbidas de turistas e excursionistas para chegaren aos sitios que queren coñecer. Este feito suponlles un problema cando dedican boa parte da xornada laboral a ofrecer esta información, cando non é a súa función nin, en moitas ocasións, teñen coñecementos específicos de idiomas, nin de turismo nin de recomendacións gastronómicas.

O BNG defende un cambio de modelo turístico e propón que haxa persoal a pé de rúa que ofreza información de lugares para visitar