MEMORIA HISTÓRICA

Goretti Sanmartín propón na Comisión de Memoria histórica que se impulse un proxecto de recoñecemento ás mulleres represaliadas

Reunión da Comisión da Memoria histórica
Reunión da Comisión da Memoria histórica

Participou no acto da Mullerenaxe ás Marías, na alameda

Goretti Sanmartín propón na Comisión de Memoria histórica que se impulse un proxecto de recoñecemento ás mulleres represaliadas

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2022.- O BNG trasladou á Comisión de Memoria histórica diversas propostas que xa foran a Pleno como o recoñecemento ás persoas do campo de concentración de Santa Isabel e o estudo para a retirada da simboloxía franquista que aínda perdura en edificios públicos e privados en Santiago de Compostela.

A portavoz municipal Goretti Sanmartín propuxo tamén na reunión que se impulse un proxecto, en chave local, para a investigación e recoñecemento das mulleres vítimas da represión, entre as que se encontran Maruxa e Coralia, coñecidas como “As Marías” e Consuelo Otero Rial, veciña de Conxo asasinada en 1936 a mans do franquismo.

O BNG reclamou no Pleno, a petición da Plataforma de Galeras, a instalación dunha placa cunha fotografía do edificio da cadea de Santa Isabel en memoria de milleiros de presos e vítimas de represión franquista que estiveron alí entre 1939 e 1946. “Desde o BNG alegrámonos de que, por fin, sexa unha realidade para dar a coñecer entre a veciñanza ese episodio da historia de Compostela”, explicou.

Ademais, o BNG trasladou en numerosas ocasións ao Pleno iniciativas para o estudo e retirada da simboloxía franquista, de acordo á Lei de Memoria histórica, tendo en conta que estabelece que as administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra civil e da represión da Ditadura. Así, o feito de que esta simboloxía se sitúe en edificios que non fan parte do patrimonio municipal non exime o Goberno local de realizar as xestións precisas para que a Igrexa católica, Universidade, Correos ou calquera particular eliminen esas pezas.

Goretti Sanmartín propón na Comisión de Memoria histórica que se impulse un proxecto de recoñecemento ás mulleres represaliadas