PLENO
O BNG consegue aprobar a moción para a mellora dos espazos públicos do Ensanche
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2022.- O BNG conseguiu aprobar diversas mocións, na sesión da tarde do Pleno ordinario de xuño que foi adiado, para a mellora dos espazos públicos do Ensanche, para que se cumpran as condicións do contrato da empresa concesionaria do servizo de recollida de residuos e o convenio onde se recollen os dereitos e as obrigas do persoal en materia laboral, ademais doutra de urxencia para realizar as xestións necesarias e presentar as alegacións oportunas para que o proxecto do Orbitaliño respecte os núcleos tradicionais rurais coa menor afectación posíbel, garanta a cohesión territorial e favoreza a sustentabilidade ambiental, social e económica.
O BNG trasladou, así, unha moción para a mellora dos espazos públicos no Ensanche compostelán, para adoptar as medidas necesarias, de xeito coordinado entre os distintos departamentos municipais, mediante a elaboración dun diagnóstico para pór en marcha un plan a medio prazo co fin de gañar calidade de vida para as persoas residentes. Trátase de corrixir o abandono xeral sufrido nos espazos públicos do Ensanche compostelán nos últimos anos, coa deterioración de lousas en beirarrúas e na rede viaria, problemas de accesibilidade, barreiras arquitectónicas, pasos de peóns mal pintados, falta de iluminación, colectores de residuos en mal estado e sucidade derivada do lecer nocturno son consecuencia, en boa medida, da falta de labor de mantemento municipal. Outro aspecto a ter en conta é a proliferación de pintadas en moitos portais, fachadas, escaparates, mobiliario urbano e sinalizacións de todo tipo.
Moción conxunta para cumprir o contrato de recollida de residuos
Aprobouse tamén a moción conxunta de BNG, CA e PP para que se cumpran as condicións do contrato da empresa concesionaria do servizo de recollida de residuos e o convenio onde se recollen os dereitos e as obrigas do persoal en materia laboral. É evidente a falta de limpeza de rúas, o estado e mala distribución dos colectores para a recollida selectiva nos barrios, a escasa frecuencia de baleirado de papeleiras e a mala imaxe que ofrecen centos de bolsas depositadas cada tarde nos portais da Cidade histórica. Isto débese ao consentimento do Goberno local coa falta de inspección da empresa de recollida de residuos, ante o incumprimento da dotación de medios materiais e humanos que figuran no contrato, así como á falta de coordinación deste servizo público. Ademais, tampouco se fan públicos os informes e relatorios de control desta prestación, recolle o texto da moción.
Moción do Orbitaliño
O acordo transaccionado que foi aprobado da moción do Orbitaliño recolle que a Corporación municipal mostra de novo o seu compromiso cos acordos subscritos por todas as forzas políticas representadas no Foro Cívico, manifestando unha vez máis que é unha prioridade para Santiago a construción do enlace entre AP-9 coa N-550, coñecido como o “Orbitaliño”.
Os grupos políticos manteñen o espírito acadado polo consenso do Foro Cívico, comprometéndose a buscar canles de colaboración para conseguir un consenso nos temas cruciais para a cidade, coa expresión da vontade de apoiar a unidade de acción e colaborar na súa consecución. Así, o Concello de Santiago continuará a realizar as xestións necesarias para que o proxecto do Orbitaliño contemple as mellores solucións posibles para a veciñanza, o comercio, o desenvolvemento do rural e a industria afectadas na zona Formarís, tal e como se aprobou por unanimidade da Corporación no Pleno de xuño de 2021.
O Concello de Santiago seguirá mantendo un diálogo co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para que teña en conta nesta actuación as peculiaridades dos núcleos tradicionais galegos e presentará alegacións nesa liña ao proxecto do Orbitaliño. Ademais, ofrecerá asesoramento técnico e legal á veciñanza afectada e asociacións que tamén estimen presentar alegacións para defender as vivendas, terreos agrarios e espazos rurais para a cohesión territorial da aldea que pode alterar o proxecto do Orbitaliño.
Readmisión de condutores da liña do autobús do aeroporto
O BNG trasladou unha iniciativa para que o Goberno local realice as xestións necesarias para conseguir a readmisión dos condutores que facían a liña Santiago-Aeroporto-Santiago, ademais de procurar as medidas e informes necesarios, baseándose nunha sentenza xudicial que indica que teñen dereito á subrogación.
Improvisación nas obras dos Concheiros
Entre outras iniciativas, o BNG realizou unha pregunta sobre o feito de que o Goberno local do PSOE deu por concluídas as obras dos Concheiros cunha recepción parcial cando a empresa nin sequera rematou a intervención, ten numerosos incumprimentos e está pendente de sancións por penalidades por non cumprir os prazos en diversas ocasións. Isto supón un sobrecusto do orzamento previsto, en tempo e dedicación da brigada municipal de obras, ademais dos materiais e elementos que quedan por instalar, o que evidencia a improvisación, unha vez máis, desta intervención.