PLENO
O BNG defenderá no Pleno melloras para a veciñanza de Vite
Goretti Sanmartín advirte de que é necesario incrementar as frecuencias dos autobuses e instalar colectores de plástico e papel para a recollida selectiva
Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2022.- O BNG traslada ao Pleno unha moción para dar a coñecer o miradoiro de Monte de Deus, polo seu valor paisaxístico, e para atender as demandas veciñais de estender as liñas de autobús urbano até Vite de Arriba, coas frecuencias necesarias tamén en fin de semana.
Santiago de Compostela conta con emprazamentos singulares desde onde se poden contemplar vistas panorámicas de gran valor a nivel paisaxístico. Un destes lugares é Monte de Deus, en que a veciñanza ten interese en dar a coñecer tanto para persoas que viven en Compostela, como para estudantes e turistas, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.
Este espazo dispón de 30.000 metros cadrados de zona verde que foron acondicionados entre 2009 e 2011, cando o BNG levaba esta área no Goberno municipal, momento en que se plantaron árbores, se instalou un panel panorámico de identificación e se melloraron as instalacións. Recentemente, organizouse un roteiro que pode aproveitarse, xunto con outra documentación da historia e dos elementos naturais, para a divulgación e popularización deste lugar.
Melloras nos autobuses, recollida de lixo e podas de árbores
De xeito paralelo, a veciñanza reclama a extensión de liñas de autobús para unir Vite de Arriba, pois as liñas máis próximas son a 5, 6A e C2 que non conectan directamente con esta zona, o que supón un grave prexuízo, sobre todo, para a xente maior que reside neste barrio.
A mellora na dotación de colectores de lixo, material plástico e papel, cun punto de recollida en cada rúa. Na rúa Vite de Arriba os colectores son habitualmente insuficientes e acontece o mesmo na rúa Vite de Abaixo, onde non hai recollida de plástico por falta dun espazo habilitado, polo que parece necesario dotar o barrio dun espazo para o emprazamento de colectores. Tamén debe mellorar a frecuencia de recollida, xa que os colectores cheos, cando pasa máis dun día sen ser baleirados, provocan molestias á veciñanza e un problema de salubridade. Xunto a isto, tamén se reclama por parte da veciñanza o servizo de limpeza municipal, xa que, agás na rúa Vite de Arriba, nas demais este servizo non existe.
Outra das demandas veciñais que trasladaron ao BNG é a poda de certas árbores que están en espazo público e invaden o voo de propiedades privadas. É o caso da árbore que se atopa xunto ao lavadoiro en Vite de Arriba; que ademais deixa moita folla no chan e no propio lavadoiro.