PLENO

O BNG propón o traslado da escultura en lembranza das vítimas da violencia ao parque de enfronte da Casa das Mulleres Xohana Torres

Escultura en lembranza das vítimas da violencia de xénero
Escultura en lembranza das vítimas da violencia de xénero

Este monumento, que esboza o perfil do corpo feminino, tamén precisa unha limpeza, advirte Goretti Sanmartín

O BNG propón o traslado da escultura en lembranza das vítimas da violencia ao parque de enfronte da Casa das Mulleres Xohana Torres

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2022.- O BNG traslada unha iniciativa ao Pleno para que se limpe e traslade a escultura en lembranza das mulleres vítimas da violencia de xénero da praza da Constitución ao parque do Cancelón do Sar, situado enfronte da fachada da Casa das Mulleres Xohana Torres.

Logo da construción da Casa das Mulleres Xohana Torres, representantes de colectivos propoñen o traslado desa escultura ao xardín de enfronte da fachada principal, no parque do Cancelón do Sar, por ir acorde á temática e poder acompañar, así, a nova escultura de homenaxe á escritora que alí se vai instalar.

“Desde o BNG proporemos no próximo Pleno o cambio da escultura situada no parque da Constitución, nun lateral do paseo situado preto das pistas de skate, pola súa temática en lembranza das mulleres vítimas da violencia de xénero”, sinalou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.

Este monumento de 2 metros en granito rosa Porriño presenta a inscrición “Se non te nomean non existes” nunha das dúas caras puídas mentres que as outras dúas teñen as irregularidades propias da pedra. Esboza o perfil do corpo feminino, en alusión ás mulleres vítimas da violencia de xénero, e foi situado no ano 1999 na praza da Constitución, nas inmediacións do Parlamento, mais está nunha zona en que se impide a visibilidade e non ten a dignidade que debe representar por estar oculta polas pistas de skate que están, xustamente, á súa beira.

 

O BNG propón o traslado da escultura en lembranza das vítimas da violencia ao parque de enfronte da Casa das Mulleres Xohana Torres