PLENO

O BNG propón que se recupere a emisión das roldas de prensa municipais por streaming

Navia Rivas
Navia Rivas

A concelleira Navia Rivas reclamará no Pleno que se convoque un concurso público para contratar o servizo de difusión dos plenos e roldas de prensa

O BNG propón que se recupere a emisión das roldas de prensa municipais por streaming

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2022.- O BNG proporá no Pleno que se recupere a emisión por streaming das roldas de prensa e das sesións plenarias, cun sistema áxil de busca e de arquivo de videoactas. Así, reclama que se convoque un concurso para a emisión por streaming das sesións plenarias, que incluirá un programa áxil de busca e de arquivo de videoactas para adecuarse ás necesidades da comunicación social actuais.

Segundo explicou a concelleira Navia Rivas, a información subministrada polo Concello de Santiago de Compostela mediante o sistema do streaming en directo de todas as roldas de prensa dos grupos municipais, como se viña facendo coas relativas á Xunta de Goberno, resultou ser un método adecuado ante as medidas derivadas da prevención da pandemia da covid-19 e fronte ao recorte de persoal que padecen os medios de comunicación. “Dotar destes soportes de retransmisión en directo por parte dunha Administración pública como o Concello de Santiago é algo apropiado para contribuír a garantir o dereito fundamental de información”, indicou.

O mesmo acontece coa retransmisión en directo das sesións plenarias, algo que favorece a proxección social do debate político das iniciativas que se presentan. Cómpre ter en conta que son moitos os colectivos que así poden seguir e coñecer o contraste de opinións que teñen os grupos municipais sobre os diversos temas que van na orde do día e que lles afectan de xeito directo ou indirecto.

Para mellorar este sistema de streaming, é necesario implementar un programa de arquivo similar ao doutras administracións, que favoreza a busca mediante videoactas, cun minuteiro onde se especifique o punto de inicio de cada punto da orde do día no caso das sesións plenarias e cunha pestana de busca por persoa que intervén.

Deste xeito, urxe convocar un concurso para darlle estabilidade ao labor realizado polos profesionais que se encargan deste servizo, con garantía de pagamento polo traballo que desenvolven en vez de ir contra factura.

 

 

O BNG propón que se recupere a emisión das roldas de prensa municipais por streaming