PLENO
O BNG pregunta pola apertura do servizo municipal de asesoramento LGBTI aprobado hai case un ano
Este centro debe servir para axudar a tramitar axudas sociais, orientación laboral e a creación dun observatorio contra as violencias lgbtifóbicas
Santiago de Compostela, 18 de maio de 2021.- O BNG trasladará unha pregunta ao vindeiro Pleno para saber cando ten previsto o Goberno local abrir o servizo municipal de asesoramento, orientación laboral e apoio LGBTI aprobado en maio de 2020, tendo en conta as dificultades que padece este colectivo.
Segundo lembrou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG, o Pleno de xuño de 2020 aprobou unha proposición do BNG -cos votos a favor de BNG, PSOE e CA e a abstención do PP- para crear un servizo municipal de asesoramento, orientación laboral e apoio LGBTI.
Segundo constaba na iniciativa, este servizo de asesoramento e apoio LGTBI en Santiago debe contar, cando menos, cunha traballadora social, cunha avogada e cunha formadora e asesora; coa intención de que tramiten axudas sociais para o colectivo en coordinación coas asociacións e procedan á elaboración dun plan de actuación que analice o impacto da crise da covid-19 na poboación LGTBI en Compostela.
Esta oficina debe ofrecer tamén os labores correspondentes a un Servizo municipal de orientación laboral, cunha bolsa de traballo local e promoción nas empresas da cidade e das distintas medidas da Xunta para o fomento da contratación de persoas trans.
Entre as súas funcións prevíase a creación dun Observatorio municipal contra as violencias lgtbifóbicas, en coordinación con asociacións e policía local, xunto cun instrumento para denunciar e contabilizar casos de agresións.
Deste xeito, Goretti Sanmartín formulará unha pregunta ao Goberno local para coñecer se ten previsto abrir este servizo municipal e en que prazo.