O BNG pregúntalle ao alcalde cando vai iniciar o procedemento da xestión de escolas infantís
Quere saber tamén se ten previsto tramitar a integración das escolas infantís municipais na rede Galiña Azul
Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2014.- O grupo municipal do BNG, en liña co que xa tiña formulado diante do anterior goberno en marzo deste ano, preguntoulle ao alcalde de Santiago se iniciou os trámites para a integración das escolas infantís municipais na rede Galiña Azul ou, do contrario, cando ten previsto comezar o procedemento para contratar a súa xestión para o vindeiro curso escolar, xa que os contratos conclúen en 2015 e non parece procedente unha prórroga da mesma dato que foi pública e notoria a insatisfacción co servizo.
Segundo recolle a pregunta rexistrada polo BNG, a experiencia de procesos anteriores amosa que os procedementos de concurso de xestión de servizos relacionados coa educación teñen longa duración no tempo. Así, pon como exemplo, que no ano 2013, se ben concorreron circunstancias especiais, o inicio do procedemento de contratación foi no mes de febreiro e non rematou até ben avanzado setembro, co resultado de adxudicación da xestión das escolas infantís de Conxo e de Fontiñas xa iniciado o curso escolar. Neste ano 2015 rematan os contratos de determinados servizos e, para o BNG, cómpre que as persoas usuarias conten coa información necesaria con antelación suficiente.
O BNG quere saber se o Goberno local de Santiago traballa para garantir que o curso 2015-2016 se inicie e se termine coa mesma empresa adxudicataria da xestión do servizo das escolas infantís.
Pregunta tamén se manexa algunha previsión para que a xestión dos comedores escolares pase á Consellaría de Educación e, de non habela, para cando ten previsto o Goberno municipal iniciar o procedemento para a contratación da xestión do servizo.
O contrato de xestión da Escola Municipal de Música tamén conclúe no 2015, polo que o BNG pregunta cando ten previsto o Goberno de Martiño Noriega iniciar o procedemento para a contratación da xestión do servizo.