O BNG de Santiago demanda, mais unha vez, que se active o sistema ERTMS na rede ferroviaria galega
Rubén Cela requírelle ao alcalde que non esqueza reclamar este sistema de seguridade nas negociacións que ten abertas co ADIF e con Fomento
Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2014.- O portavoz do grupo municipal nacionalista en Raxoi, Rubén Cela, cando se fan dous anos do accidente de Angrois, amousou o apoio e a solidariedade do BNG coas vítimas, familiares e amizades, ademais de reivindicar a conexión do sistema ERTMS que segundo informes periciais tería evitado a traxedia. Neste sentido, requiriulle ao alcalde que non esqueza reclamalo nas negociacións que ten abertas co ADIF e con Fomento.
Para o BNG é incomprensíbel e intolerábel que dous anos despois este sistema de detención automática do tren de alta velocidade non estea activo, igual que no tramo Santiago de Compostela Vigo que veñen de abrir. Lembrou que o BNG o requiriu mediante diversas iniciativas tanto no Concello de Santiago, no Parlamento galego, no Congreso e no Parlamento europeo.
Ademais, Rubén Cela demandou medios para que a Xustiza poida cumprir a súa función, para poder ser rigorosa e garantista, cando dous anos despois nin se vislumbra cando pode ser a apertura de xuízo oral para depurar responsabilidades legais e políticas.
Fixo tamén mención ao labor desenvolvido polos servizos públicos, como persoal sanitario, psicólogos, traballadores municipais, policía local e forzas de seguridade, protección civil e bombeiros, entre outros, que seguen a padecer recortes que merman a súa capacidade de actuación, pese ao recoñecemento e agradecemento pola súa actuación nese sinistro.
Para Rubén Cela tamén cómpre saber a verdade para que un tráxico acontecemento semellante non volva acontecer mais PP e PSOE unen as súas forzas para evitar a comisión de investigación que reclama o BNG tanto no Parlamento galego como no Congreso.
Ademais, citou os incumprimentos coa propia veciñanza de Angrois, pois as obras comprometidas seguen inacabadas na contorna onde se produciu o accidente.