Rubén Cela lembra os compromisos adquiridos pola Xunta coa cidade de Santiago
Anuncia que o BNG realizará un seguimento detallado para que Noriega e Feijóo inicien as xestións pertinentes para atender as prioridades de Compostela
Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG en Raxoi, Rubén Cela, logo da reunión do alcalde co presidente da Xunta, afirmou que ademais dos temas que trataron, como a estación intermodal e o traslado do 061, hai máis asuntos de interese para Santiago de Compostela que convén incluír nos vindeiros orzamentos e ducias de compromisos adquiridos polo Goberno galego para reclamarlle dende a institución municipal.
Rubén Cela referiuse así a cuestións de ámbito educativo como a nova Escola Oficial Idiomas, a ampliación do Conservatorio de Música e a xestión das escolas infantís municipais, que deberan ser competencia da Xunta. Requiriu tamén a mellora da sanidade pública coa necesidade do centro de saúde de Conxo e manifestouse contra o peche de camas no CHUS. Na listaxe de temas pendentes citou a apertura do CEGADI, a xestión pública do Panteón de Galegos Ilustres, o parque comarcal de bombeiros, a estratexia da política aeroportuaria, a recuperación do Monte do Gozo e os compromisos financeiros do Consorcio da Cidade, así como do Estatuto de Capitalidade.
Para o BNG, estas cuestións son prioritarias para tratar entre os gobernos local e galego, polo que anunciou que realizará un seguimento detallado para que Noriega e Feijóo inicien as xestións pertinentes para atender estes compromisos e necesidades da cidade.