ELECCIÓNS
O BNG quere impulsar unha planta de compostaxe para que Compostela volva situarse á vangarda de políticas ambientais
Este tempo que tivo Compostela Aberta responsabilidade en materia de residuos supuxo “catro anos perdidos para avanzar neste modelo alternativo a Sogama
Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, avanzou unha das propostas ambientais relativa a impulsar a creación dunha planta de compostaxe de materia orgánica para Santiago de Compostela e a súa contorna no vindeiro mandato municipal como un modelo de tratamento do lixo máis ecolóxico e sostíbel, con tendencia ao residuo 0, como alternativa á incineración e a Sogama.
En canto ás políticas de tratamento de residuos, lembrou que o BNG condicionou o seu apoio aos orzamentos municipais de 2016 á construción desta planta de compostaxe, así como a un plan de sensibilización, unha cuestión que considera "prioritaria" para que a capital galega volva situarse "á vangarda das políticas ambientais" como cando tiña responsabilidades de Goberno. Mesmo propuxera que se financiase cos fondos do POS da Deputación da Coruña.
Este tempo que tivo Compostela Aberta responsabilidade en materia de residuos supuxo “catro anos perdidos para avanzar neste modelo alternativo. Para o BNG, Santiago de Compostela é un lugar idóneo para a creación dunha planta de compostaxe que pode tirar proveito da materia orgánica que producen os parques públicos e a poboación das parroquias, que non ten alternativa para desfacerse dos restos agrícolas, de podas e de rozas.
Por iso aposta pola creación da planta de compostaxe integrada cunha campaña de sensibilización, distribución de composteiros, retirada progresiva de colectores verdes, traslado dos restos de comida biodegradábeis á planta de compostaxe, tratamento e uso do material fertilizante obtido.