PLENO
O BNG reclama unha maior coordinación das frecuencias dos autobuses dos Tilos a San Marcos e hospitais
As liñas que fan un percorrido similar provocan intervalos de espera próximos a unha hora, en vez de ter frecuencias constantes de 20 minutos se operasen de xeito alternativo
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2022.- O BNG reclama un seguimento da coordinación das frecuencias de autobuses -en especial das liñas L6, L6A e L12- que fan parte de traxecto similar para corrixir os desaxustes e adecualas á necesidade dos intervalos horarios de paso cada 15 ou 20 minutos, co fin de facilitar a mobilidade e de fomentar o uso do transporte público
As liñas L6 e L6A que fan un traxecto cunha parte en común de San Marcos aos Tilos, xunto coa L12 dos Tilos aos hospitais que comparten percorrido, deben ter unha maior coordinación de frecuencias para dar servizo continuado no tempo e fluído á veciñanza.
O grupo municipal do BNG recibiu queixas desa falta de coordinación, que provoca que saian ao mesmo tempo as distintas liñas que fan un percorrido similar e logo existan intervalos de espera próximos a unha hora, en vez de ter frecuencias constantes de 20 minutos se operasen de xeito alternativo. Ademais, a liña L12 non opera polas tardes, co problema que supón para a veciñanza dos Tilos carecer desa conexión cos hospitais.
Por estes motivos, o BNG trasladará ao Pleno unha pregunta para que o Goberno local realice un seguimento e mellore a coordinación da frecuencia dos autobuses para mellorar este servizo público.