PLATAFORMA LOXÍSTICA
Goretti Sanmartín reclama que o Goberno local busque unha alternativa en diálogo coa veciñanza e cos grupos políticos para instalar a plataforma loxística de transporte
“O PSOE esquece que está en minoría e ten que negociar”, advirte
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2022.- “O BNG considera inoportuno e falto de responsabilidade que o Goberno local continúe dicindo que vai instalar a Plataforma loxística de transporte de mercadorías en Mallou sen contar con que ten que haber unha mudanza no Plan especial e aprobala o Pleno de forma definitiva”, advertiu Goretti Sanmartín, portavoz municipal.
“Non ten ningún sentido que o alcalde se lance a facer un proxecto onde hai veciñanza en contra, onde os grupos da oposición están en contra e onde houbo manifestacións en contra, sabendo que pode ter, ao final dese proxecto, un rexeitamento dese proxecto que o faga inviábel”, indicou
“O Goberno do PSOE esquece que está en minoría e ten que negociar”, sinalou Goretti Sanmartín, “e máis neste caso, nun tema que ten competencia plenaria”. Así, realizou un chamamento á responsabilidade “para que logo non chegue queixándose porque sabe que existe unha oposición a que se asente esta plataforma loxística en Mallou, tanto da veciñanza como dos demais grupos políticos e, aínda así, continúa coa súa teima de seguir para diante cun proxecto para, nun momento determinado, darlle o visto e prace, xa que terá que ir ao Pleno da Corporación onde non ten maioría.
O BNG solicita, máis unha vez, que se paralice este proxecto para buscar unha alternativa mediante un diálogo coa veciñanza e cos demais grupos políticos, e que o Goberno local “deixe de tirar para diante sempre, independentemente de quen sexan as competencias e das posicións do conxunto da sociedade e das forzas políticas que compoñen a Corporación”.