PLENO
Navia Rivas reclamará no Pleno medidas alternativas para evitar a corta de 500 árbores á beira do Sarela
O BNG defende outras opcións de canalización que afecten menos ao ambiente no proxecto de colector interceptor xeral do Sarela
Santiago de Compostela, 24 de maio de 2022.- A concelleira Navia Rivas presentará unha iniciativa no Pleno de maio para que se adopten as medidas necesarias para evitar a corta de árbores á beira do Sarela.
O pasado 6 de abril publicábase no BOP o anuncio de información pública do “Proxecto do colector interceptor xeral da conca alta do río Sarela en Santiago de Compostela.” Neste anuncio aparece a relación de bens e dereitos afectados. Nesta listaxe aparecen máis de 500 árbores afectadas, polo que se entende que van ser cortadas.
“Entendemos que hai que buscar outras opcións de canalización que afecten menos as especies arbóreas e respecten o medio”, explicou a concelleira. Nese sentido, non parece moi coherente realizar unha plantación de carballos en varios puntos da cidade dentro da campaña do “Carballo do Banquete de Conxo” e agora neste proxecto eliminar as especies ripícolas espontáneas á beira do Sarela.
Deste xeito, Navia Rivas solicitará do Goberno local que realice as xestións oportunas co Ministerio para a Transición Ecolóxica para que nas obras deste proxecto no río Sarela se busque outra alternativa que evite a eliminación de árbores.