PLENO

O BNG reclama a restauración de beirarrúas e a ordenación do tráfico na Almáciga para gañar seguranza viaria para peóns e bicicletas

Navia Rivas, concelleira do BNG
Navia Rivas, concelleira do BNG

Navia Rivas traslada ao Pleno a necesidade dunha campaña de sensibilización para evitar os atascos á entrada a saída do centro de ensino

O BNG reclama a restauración de beirarrúas e a ordenación do tráfico na Almáciga para gañar seguranza viaria para peóns e bicicletas

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2022.- A concelleira do BNG Navia Rivas trasladará ao Pleno unha iniciativa para mellorar a seguranza viaria na Almáciga, coa restauración das beirarrúas, sinalización para bicicletas, regulación e reordenación do tráfico, ademais de realizar unha campaña de sensibilización sobre o tráfico.

Na Almáciga existe un problema de seguranza viaria derivado da configuración urbana e da falta de regulación de tráfico en horarios de entrada e saída do centro escolar do Apóstolo Santiago. “Por unha parte, é necesario arranxar as beirarrúas da rúa Betanzos que presentan numerosas deficiencias con risco de caída para viandantes e habilitar medidas para gañar seguranza para ciclistas con sinalización de advertencia para protexer as persoas que diariamente acoden ao centro de ensino en bicicleta”, explicou a concelleira.

“Ademais, a circulación en dobre sentido con vehículos estacionados na rúa do Pino, como acontece na actualidade, provoca un caos diario tanto para a veciñanza da zona como para profesorado e alumnado do centro”, engadiu.

Estas actuacións deben ir acompañadas dun regulamento e control do tráfico, xunto cunha campaña de sensibilización de seguranza viaria, no horario de entrada e saída do centro de ensino na rúa do Pino, rúa do Proxecto Vagalume e rúa Betanzos.

De facer beirarrúas ben conectadas para tránsito peonil e manter un espazo seguro para bicicletas, pódense fomentar estas alternativas máis saudábeis e ecolóxicas para reducir o volume de tráfico existente, como demanda a veciñanza.

Transcorreron seis meses desde que, en novembro de 2021, o BNG trasladara unha iniciativa ao Pleno coas propostas da comunidade educativa para a reurbanización e reordenación do tráfico da contorna deste centro situado na Almáciga para compatibilizar os diferentes usos que ten, con prioridade peonil e de humanización, ademais de facer realidade o Colecamiños e de poñer en marcha un plan de mobilidade.

Cómpre lembrar que a ANPA propón a delimitación dunha zona de seguranza libre de vehículos que permita a entrada e saída do centro para as crianzas dun xeito autónomo e seguro, con visibilidade mediante pintura diferenciada e cun deseño gráfico que advirta da presenza de nenos e nenas, ademais dunha zona con redución de velocidade para acceder ás proximidades, xunto con rutas sinalizadas e protexidas para ir a pé. Reclaman tamén zonas de aparcadoiro de bicicletas co obxectivo de favorecer os accesos neste medio de transporte, tanto á escola como ao pavillón municipal, recolle o texto da iniciativa.

O BNG reclama a restauración de beirarrúas e a ordenación do tráfico na Almáciga para gañar seguranza viaria para peóns e bicicletas