SEGURANZA VIARIA
O BNG reclama a reordenación das prazas de estacionamento de residentes no Camiño da Ameixaga e na rúa de Belvís
“Chegan moitas queixas de colectores de residuos mal situados porque impiden a visibilidade para incorporarse a vías principais”, advirte Goretti Sanmartín
Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2022.- O BNG demandará no Pleno que o Goberno local reordene as prazas de aparcamento do Camiño da Ameixaga, situando as reservadas para residentes máis próximas á zona habitada, e que busque outro emprazamento para os colectores de residuos co dobre obxectivo de evitar accidentes de tráfico por falta de visibilidade e de incrementar a seguranza viaria na incorporación de vehículos á avenida de Lugo.
“Foi unha mágoa que non se aproveitase a colocación dos novos colectores para revisar a súa localización exacta e evitar problemas de seguranza viaria e comodidades á veciñanza, atendendo ao tempo as numerosas demandas a este respecto da Comisión de Queixas e Suxestións”, indicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal.
A veciñanza do barrio de Sar trasladou ao grupo municipal do BNG a súa preocupación ante a falta de seguranza viaria provocada pola ausencia de visibilidade á avenida de Lugo.
Parte do problema é causado polo espazo que ocupan os colectores de residuos que impiden a visibilidade cando se incorporan os vehículos dos garaxes situados na avenida de Lugo. A iso súmase o estacionamento sen control en lugares indebidos de vehículos procedentes dun negocio próximo.
As solucións que propón a veciñanza son o desprazamento dos colectores a outra parte para mitigar a falta de visión é trasladar a praza reservada para aparcamento de discapacidade, que agora queda empacada entre a beirarrúa e os colectores, á marxe máis aberta, co que ademais gañarían facilidade para estacionar con menos manobras.
Outra das queixas vén derivada da necesidade de reordenación das zonas de estacionamento, xa que as habilitadas para residentes do Camiño da Ameixaga pintadas en verde están na parte máis afastada ás vivendas, xa na rúa de Belvís, mentres que as de libre disposición pintadas en branco están na zona habitada. Deste xeito, están desconformes coa distribución por non ser a máis práctica, xa que as persoas residentes teñen que aparcar en lugares máis distantes se queren atopar sitio.