INFRAESTRUTURAS

Goretti Sanmartín insta o alcalde a reclamar solucións para o aparcadoiro da estación intermodal, as filtracións de auga da pasarela e a denominación “Daniel Castelao”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Ao fío da visita ás obras da secretaria de Estado de Transportes e do delegado do Goberno español en Galiza

Goretti Sanmartín insta o alcalde a reclamar solucións para o aparcadoiro da estación intermodal, as filtracións de auga da pasarela e a denominación “Daniel Castelao”

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2022.-  O BNG quere lembrar, ao fío da reunión que o alcalde de Santiago vai ter coa secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, e co delegado do Goberno en Galiza para ver as obras da estación intermodal, que levará unha iniciativa ao Pleno onde denuncia que o proxecto inicial desta infraestrutura non soluciona o problema de aparcadoiro público.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG, “o certo é que o grupo municipal do BNG defende que a estación intermodal debe ter un aparcadoiro público soterrado que non só debe dar servizo a persoas usuarias do tren senón que tamén debe atender as necesidades do comercio do Ensanche para conseguir que esta zona sexa máis peonil e máis humanizada; e isto  debe de ir acompañado dunha alternativa de aparcamento para a veciñanza que o precise”. “Esta falta de previsión fai que a nosa cidade, unha vez máis perda, a ocasión de ter un emprazamento para un parking público prexudicando unha vez máis o comercio tradicional do Ensanche compostelán”, engadiu.

Así, instou a reclamar unha modificación do proxecto. “Estamos a tempo de reclamar que se faga unha reforma do proxecto e se aproveite a oportunidade de dotar a cidade dun parking subterráneo ou perderemos unha ocasión moi importante para dotar de zonas de aparcamento á cidade”.

Nestes momentos segue habendo dúas cuestións pendentes. A primeira é que, unha vez arranxadas as importantes deficiencias nunha estrutura que filtra auga cando chove se siga negociando para que o mantemento da pasarela non sexa asumido polo Concello. “Entendemos que tanto a limpeza como o servizo de vixiancia deben ser responsabilidade de Adif e da Xunta, e o Concello no seu día xa asumiu cun 30% o confinanciamento da construción da pasarela e as expropiacións do terreos da estación de autobuses”, explicou.

A segunda cuestión pendente é que o grupo de goberno logre que se cumpra o acordo plenario aprobado por unanimidade en xaneiro de 2019 (hai 3 anos e medio) para que a estación intermodal se denomine “Daniel Castelao” e se realice a decoración interior como unha exposición permanente para dar a coñecer a figura e a obra do autor do Sempre en Galiza.

“Entendemos que estas son cuestións absolutamente prioritarias que o alcalde debe trasladarlle á secretaria de Transportes e ao delegado do Goberno”, indicou.

 

Goretti Sanmartín insta o alcalde a reclamar solucións para o aparcadoiro da estación intermodal, as filtracións de auga da pasarela e a denominación “Daniel Castelao”