URBANISMO

O BNG reclámalle a CA que revise a posición para manter como uso público sociocomunitario as instalacións do vello hospital de Galeras

hospital.galeras01
hospital.galeras01

Esquerda Unida defendía en 2013 que “a recualificación a uso residencial ou comercial perpetuaría a especulación urbanística”

O BNG reclámalle a CA que revise a posición para manter como uso público sociocomunitario as instalacións do vello hospital de Galeras

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, reclamoulle ao Goberno de Compostela Aberta que revise a posición “para manter como uso público sociocomunitario as instalacións do vello hospital de Galeras, antes de facer a aprobación inicial e definitiva que non teña volta atrás”.

De non estar en disposición de mudar, o BNG pide que se acoute “o máximo posíbel” a concreción deses usos comerciais e que non se aprobe o proxecto sen un estudo de mobilidade da zona para coñecer o número de prazas de aparcadoiro que se poden crear e as afeccións dos usos concedidos ao inmóbel á arteria de tráfico que representa Galeras. Requiriu tamén “unha interlocución fluída coa veciñanza e co tecido comercial de Santiago, pois na actualidade non teñen a mínima información sobre como se vai executar este proxecto”.

“Cando se reciba da Xunta de Galiza ese informe de impacto ambiental e volva ao Pleno para a súa aprobación inicial, demandarémoslle ao Goberno de Compostela Aberta que repense esta situación”, afirmou. “O BNG defenderá o que sempre defendeu: a titularidade pública dese inmóbel e un uso sociosanitario” para acoller novas prazas de residencia pública para persoas de terceira idade, novas prazas de centro de día e para enfermos crónicos “que fan moita falta en Santiago de Compostela”.

Rubén Cela lembrou tamén que Esquerda Unida, formación política da actual tenente de alcalde, rexistrou unha moción en 2013 onde expresaba literalmente que “considera inaceptable que para tal fin, tanto a USC como o Concello se alíen para que os terreos do antigo Hospital en Galeras, agora cun uso residencial comunitario, se recalifiquen a uso residencial ou comercial, o que perpetuaría a especulación urbanística, unha das causantes desta crise-estafa, como sistema de financiamento para as arcas públicas, de nefasto resultado coas consecuencias que agora padece a maioría social”.

Cómpre recordar que o grupo municipal do BNG foi o único que se opuxo á ampliación de usos para evitar facer un novo centro comercial neste inmóbel.

O BNG reclámalle a CA que revise a posición para manter como uso público sociocomunitario as instalacións do vello hospital de Galeras