ORZAMENTOS

Valoración do borrador de Orzamentos municipais para 2017

"Este borrador precisará aínda de moitos cambios se quere contar co voto favorábel do BNG”

Valoración do borrador de Orzamentos municipais para 2017

Para o Portavoz do Grupo Municipal do BNG, Rubén Cela, o borrador de orzamentos municipais para 2017 entregado no día de onte por Compostela Aberta  chega moi tarde: “A lei di que o orzamento municipal debería de estar aprobado antes do 31/12/16. É evidente que non será así, cando aínda se nos pasa aos grupos da oposición o borrador das primeiras cifras a catro días de fin de ano” ao que engadiu “A partir de aquí aínda fica por diante un proceso de negociación cos grupos, a realización dos informes preceptivos da Intervención Municipal e da Secretaria, e no caso de que se aproben inicialmente, o periodo de exposición pública e a resolución das posíbeis alegacións antes da súa entrada en vigor, polo que, no mellor dos casos, dificilmente o fará antes do mes de marzo”.

Valoramos positivamente o ton das negociacións e a predisposición do grupo de goberno a chegar a acordos co Bloque Nacionalista Galego, mais as boas intencións téñense que concretar en feitos. Nese sentido, cremos que é un avanzo con respecto ao ano pasado o feito de que este primeiro borrador inclúa algunha das propostas que ten posto o noso grupo enriba da mesa como: a realización dun aparcadoiro público e gratuito nas inmediacións do Conservatorio Profesional de Música, a inclusión dunha partida de 350.000 euros para concretar medidas específicas dun plan de Emprego Xuvenil, o aumento das partidas dirixidas a arranxos nos colexios públicos e tamén da seguridade viaria na súa contorna ou por exemplo a creación dunha pista de skate tal e como o BNG demandou no último pleno municipal a instancias dun colectivo de afeccioados da cidade e que se aprobou por unanimidade.

O que máis lle preocupa ao BNG non é o que se recolle neste orzamento, senon o que non aparece. Nese sentido, Cela sinalou propostas que o BNG ten realizado e que non foron contempladas neste primeiro borrador e que para o BNG eran e seguen a ser moi importantes como a creación dun aparcadoiro público no Campus Sur para dar servizos ao pequeno comercio e á veciñanza do Ensnanche, o cambio da cuberta da piscina de Sar, a realización dun parque urbano nas Hortas, ao acondicionamento dunha nova instalación para acoller a Escola Municipal de Música para evitar os actuais problemas no Colexio Santiago Apóstolo, a reurbanización da rúa Concheiros tal e como estaba aprobada ou a creación dun viveiro de empresas na zona histórica tal e como demanda o asociacionismo comercial, por exemplo.

Nese sentido, Cela advertiu a Compostela Aberta: “Valoraremos con detemento a proposta tanto no grupo municipal do BNG como no noso Consello Local, mais o que lles podemos adiantar é que xa nunha primeira lectura é evidente que para nós o grado de asunción das nosas propostas é claramente insuficiente. Este borrador precisará aínda de moitos cambios se quere contar co voto favorábel do BNG”

Con respecto as repercusións que puidera ter en Compostela o cambio de posición da Marea en Pontevedra, Rubén Cela sinalou: “Congratulámonos de que, grazas a presión social e política, a Marea rectificase a súa posición en Pontevedra. É evidente que o BNG a nivel nacional, tería que tomar nota no caso de que se consumara un pacto entre a Marea e forzas –a priori- tan distantes como o PP e Ciudadanos en contra do modelo de cidade impulsado polo Bloque en Pontevedra e que tantos recoñecementos ten recibido de dentro e de fóra do país.”. Porén, o Portavoz Municipal do BNG engadiu: “Que ninguén se trabuque. Santiago para o BNG nunca será un cromo intercambiábel con ningunha outra cidade. O que vai definir en última instancia a nosa posición de voto será o contido da proposta de orzamentos e non o que politicamente aconteza noutros sitios”.

“Para o BNG esta proposta non é ningún punto de chegada, senón tan só o punto de partida. Volveremos a pór por segunda e última vez as propostas que para nós son irrenunciábeis, e a partir de grado de asunción das mesmas por parte de Compostela Aberta”

Valoración do borrador de Orzamentos municipais para 2017