PLENO
Rubén Cela declárase “insubmiso” á sentenza contra o acordo plenario que proclama Santiago como “espazo libre de apartheid israelí”
“Non sei se as instancias xudiciais intentarán cuestionar agora a resolución da ONU nese mesmo sentido”, afirmou Rubén Cela
Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, a preguntas de xornalistas sobre a sentenza contra o acordo plenario que proclama Santiago de Compostela como “espazo libre de apartheid israelí”, a iniciativa da campaña internacional denominada BDS, declarouse “insubmiso a esa sentenza”
“No plano persoal declárome total e absolutamente insubmiso a esa sentenza”, explicou, “volvemos a un terreo dunha rúa sen saída, porque o ámbito da política e das ideas é a propia política e non a xudicialización das ideas”.
O Concello de Santiago fixo unha condena expresa con respecto a unha actuación do Goberno de Israel contra a poboación palestina. “Por certo”, dixo, “como acaba de facer a ONU e non sei se as instancias xudiciais intentarán cuestionar agora mesmo esa resolución internacional”.
“Como nacionalista e como demócrata, defenderei toda a miña vida o dereito de autodeterminación do pobo palestino e, dende logo, a defensa da súa liberdade e dos dereitos humanos máis elementais que o Goberno de Israel vulnera día si e día tamén”, concluíu Rubén Cela.