CRISE DE GOBERNO
O BNG recórdalle ao alcalde que ten pendente enviar á Fiscalía a documentación da contratación irregular de Desproi
Segundo transcenderon datos do acontecido, o goberno local mentiulle á poboación e silenciou a súa responsabilidade nos feitos deste turbio proceso
Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2023.- O BNG lémbralle ao alcalde que ten pendente enviar á Fiscalía o expediente de contratación e toda a documentación relacionada coa empresa Desproi, co obxectivo de esclarecer o acontecido e de que se adopten as responsabilidades xudiciais que correspondan se as houber. “Este foi un acordo plenario do mes de febreiro e o alcalde tiña un mes desde aquela para facelo efectivo, un prazo que remata o 28 de marzo, segundo o acordo da iniciativa aprobada”, explicou.
O BNG considerou desde o inicio que debería ser o propio Goberno local quen trasladase este expediente á Fiscalía, tendo en conta a falta de tempo neste mandato para realizar unha comisión de investigación. O acordo plenario foi aprobado cos votos de BNG, CA, PP e do concelleiro non adscrito. Pese a que o alcalde afirmou que ía encargar un informe para ver se o acordo era vinculante, non comunicou nada ao respecto aos grupos municipais.
Por democracia e transparencia, resulta imprescindíbel que desde o propio Concello se poña a disposición da Fiscalía o conxunto do expediente sobre a nave contratada a Desproi. Esa será a única maneira de garantir que o exame desta documentación constate que se deriven, ou non, as responsabilidades pertinentes a nivel xudicial, sen que iso signifique a falta de necesidade de que se adopten as medidas precisas respecto das responsabilidades políticas que puidese haber.
Isto vén ao fío da contratación irregular dunha nave por parte do Concello de Compostela, que deu lugar a que o alcalde de Santiago asinase un contrato cun alto cargo da UGT e de Unións Agrarias, do que fican aínda moitas incógnitas sen resolver por esta contratación irregular cunha empresa que tiña débedas coa administración e da que tamén era administrador un concelleiro socialista que dimitiu logo de recoñecer que participara no acordo da xunta de goberno en que se aprobou ese contrato.
A iso súmase que segundo transcenderon datos do acontecido, o goberno local mentiulle á poboación e silenciou a súa responsabilidade directa nos feitos que rodean este turbio proceso.