OXE
Os Orzamentos Xerais do Estado demostran “o escaso peso político do presidente da Xunta e do alcalde de Santiago”
Entre as ausencias destaca a falta de medidas de seguridade viaria na Sionlla e no Eixo, da rede de estradas que depende do Ministerio
Santiago de Compostela, 5 de abril de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, destacou que os Orzamentos Xerais do Estado son “discriminatorios con Galiza e con Santiago de Compostela, ademais do agravante do que se orza e o que se executa”.
“Hai un agravio comparativo e un maltrato recorrente a Galiza, cunha redución superior ao 30% no capítulo de investimentos, e demostran o escaso peso político do presidente da Xunta e do alcalde de Santiago de Compostela”, afirmou Rubén Cela, “pois estes orzamentos deixan na irrelevancia política a Galiza como país e a súa capital Santiago de Compostela, cunhas contas que non están en absoluto á altura do que a cidade merece e precisa”.
Para o portavoz nacionalista en Raxoi, é “un insulto” a ausencia de partida específica para a humanización do paso superior de Conxo, “pois había un compromiso firme e público da ministra Ana Pastor despois dunha execución calamitosa dunha obra que era unha reivindicación histórica que acumulou atrasos tanto no inicio como na execución, cun Goberno do Estado que cedeu á construtora e deixou os remates da obra a cemento aberto e cunha solución do viario na parte superior que quedou peor do que estaba”.
Sobre a futura estación depuradora de augas residuais, expresou a súa preocupación de que o groso do orzamento estea concentrado no 2019 e no 2020 “pois coa experiencia práctica é un agoiro de que se pode volver perder o financiamento europeo”. A partida de 1.392.000 euros é insuficiente para cumprir os prazos, engadiu.
Ademais, cuestionou o descenso da partida do Consorcio da Cidade de Santiago. “Non deixa de ser curioso que se produza no marco da visita do alcalde ao Rei para pedir investimentos cara ao Xacobeo 2021 e os compromisos concretos nos Orzamentos Xerais do Estado concrétanse nunha baixada do 2,5%”, afirmou.
O atraso do Centro de Ciencias do Patrimonio Cultural, do CSIC, aparece de xeito recorrente “mais cun orzamento plurianual que se pospón de xeito sistemático e así recolle 100.000 euros para 2018 dunha obra que ten un investimento de 6 millóns de euros, o que evidencia que non se fará no curto nin medio prazo”.
Entre as ausencias, destaca a falta de medidas de seguridade viaria na rede de estradas que depende do Ministerio no termo municipal de Santiago de Compostela “é intolerábel a situación da Sionlla e do Eixo; preguntámonos canta máis xente ten que morrer nesas estradas para que se tomen medidas en serio; e iso debera ir moito antes que o enlace da Cidade da Cultura ou outras actuacións”.