EMPREGO
Aos datos do paro hai que sumarlle a emigración e a precariedade laboral
Cómpre estabelecer novas políticas de creación de emprego en sinerxía cos axentes sociais, educativos e empresariais da cidade
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG en Raxoi, Rubén Cela, realizou unha valoración dos últimos datos do paro correspondentes ao mes de marzo, con 6.658 persoas rexistradas en busca de emprego, das que 3.683 son mulleres e 2.975 son homes.
Para Rubén Cela, é positivo que descenda o paro, “mais o problema reside tamén no que non se computa, como a emigración por falta de políticas que brinden oportunidades laborais e a precariedade do traballo que se crea, fundamentalmente con carácter estacional”.
“Santiago de Compostela ten que apostar por un maior peso do sector industrial, con melloras na calidade do emprego, estabilidade e valor engadido; así como reforzar outros sectores tradicionais”, engadiu.
“Para atallar a sangría da emigración en Santiago de Compostela, cómpre detectar xacementos de emprego e estabelecer novas políticas de fomento de contratacións en sinerxía cos axentes sociais, educativos e empresariais da cidade”, explicou o portavoz nacionalista.