PLENO

Resumo das iniciativas do BNG no Pleno de marzo

Apróbase a proposición do BNG para axilizar os procedementos para regularizar os 12 servizos externalizados que CA mantén sen contrato

Resumo das iniciativas do BNG no Pleno de marzo

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2018.- O BNG trasladou unha proposición ao Pleno de marzo para axilizar os procedementos administrativos dos 12 servizos municipais externalizados que CA mantén sen contrato e a realizar un calendario para normalizar a situación, de acordo co estabelecido na Lei de Contratos do Sector Público, co fin de resolver estas anomalías e a inseguranza xurídica e laboral dos traballadores e traballadoras. Aprobouse por unanimidade.

Nos últimos anos, o Concello de Santiago de Compostela mantén en situación irregular unha serie de contratos de servizos prestados a través de empresas privadas mediante concesións administrativas. Así, na actualidade son unha ducia de servizos os que se atopan nesta situación. A estes hai que engadir, por falta de previsión do grupo de Goberno local, os que se sumarán en breve por incumprimento dos prazos para licitar e contratar seguindo os procedementos administrativos.

O BNG defendeu tamén unha moción destinada a reorganizar e ampliar o material do Fondo de Recursos para atender as necesidades de actividades culturais e festivas do asociacionismo compostelán. Reclama tamén que apertura da Casa das Asociacións en horario de tarde para  facilitar o uso destas instalacións municipais. Aprobouse por unanimidade.

Un dos rogos do BNG foi destinado a que o Concello de Santiago de Compostela, a través da empresa municipal Incolsa, engada a versión en galego en todas as publicacións e audioguías de turismo para que a veciñanza e habitantes de Galiza poidan ter estes recursos en galego. O uso normalizado do idioma galego tamén debera ser unha característica da información tanto para a veciñanza como para visitantes doutros puntos de Galiza. Pese a iso, na Oficina de Turismo Municipal hai publicacións e audioguías (cun custe de 12 euros e 25 euros de fianza) que fan un percorrido polos emprazamentos máis significativos da Cidade Histórica mais están en numerosos idiomas agás en galego.

Reclamou tamén o arranxo e reposición da sinalización dos Colecamiños, así como o seu mantemento, para crear unha contorna segura. Os roteiros dos Colecamiños presentan un estado descoidado no relativo á sinalización horizontal e vertical, como pode apreciarse nas imaxes, o que pode supor un perigo para as crianzas ao non estaren en boas condicións as referencias que atopan as persoas condutoras nos paneis indicadores. Esta falta de mantemento dificulta a conformación dunha contorna segura para o tránsito de escolares. Aceptouse a súa revisión.

Ademais, solicitou que o Concello proceda a colocar a correcta sinalización para que as persoas que queiran chegar ás instalacións do centro de Sarela lles sexa máis doado, xa que na actualidade este centro dá servizo a todos os concellos da Área Sanitaria polo que moitas usuarias potenciais non residen en Compostela. Aceptouse a petición.

No relativo ás preguntas orais, reclamou o apoio específico aos clubs de hóckey que fomentan a práctica deste deporte. Así, o BNG trasladou ao Pleno unha demanda dos clubs de hóckey de Compostela para que o Concello adapte máis instalacións para esta actividade que practican máis de 300 crianzas. Rexeitouse esta demanda.

Resumo das iniciativas do BNG no Pleno de marzo