PLENO
O BNG reclama medidas para impedir un novo vertedoiro en Fecha
Unha empresa solicitou licenza para depositar residuos nunha antiga canteira, como aconteceu co vertedoiro de Grixoa-Miramontes
Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2021.- O BNG reclámalle ao alcalde Sánchez Bugallo medidas para impedir que vaia adiante unha solicitude de licenza para encher de residuos o oco da canteira de Fecha, co fin de evitar a creación dun novo vertedoiro como o existente de Grixoa-Miramontes que utilizou este mesmo procedemento en Compostela.
O BNG recibiu información de que a empresa Vértebra Ambiental solicitou licenza para a restauración dunha antiga canteira en Fecha que hai 50 anos deixou de ter actividade extractiva e na actualidade ten lagoas estacionais froito das chuvias con flora e fauna que repoboou este lugar.
A veciñanza da zona ten preocupación, ante o sistema de recheo con refugallos e o modus operandi que adoita ser empregado por empresas neste tipo de canteiras que, co tempo, solicitan novas licenzas para convertelas en vertedoiros encubertos de SOGAMA con depósito de todo tipo de residuos, algunhas veces non autorizados, que poden alterar o hábitat natural existente na actualidade e provocar a contaminación de augas e do aire, xunto co ruído e as molestias provocadas co tránsito constante de camións. O exemplo máis recente é o do vertedoiro de Grixoa-Miramontes.
Así, o BNG reclamará no Pleno información e transparencia sobre esta tramitación para evitar a instalación dun vertedoiro en Fecha.